Enésima folga xeral en Francia contra Macron

A oposición na Asemblea Nacional tenta obstaculizar a aprobación do proxecto de reforma das pensións, tomando o relevo das mobilizacións nas rúas, que esta quinta feira vivirán unha nova xornada de paro.
francia
photo_camera Protesta de bombeiros contra as políticas de Macron, o pasado xaneiro en París (Europa Press)

No mesmo día en que, tras pasar por unha comisión parlamentaria previa, a reforma das pensións do Goberno de Emmanuel Macron chegaba ao pleno da Asemblea Nacional, a Confederación Xeral do Traballo (CGT, en francés), Forza Obreira (FO) e outros sindicatos convocaban unha "xornada negra" con paros no transporte de trens, metros, buses e tranvías. Porén, a afectación foi menor que as de xornadas anteriores, especialmente as de decembro.

A reforma é unha das medidas estrela de Macron, que di que camiña cara a un sistema de xubilación máis xusto que o actual de 42 réximes especiais. Porén, as centrais sindicais e as formacións políticas da esquerda cren que suporá maior tempo de traballo a cambio de remuneracións máis pequenas e un golpe á economía das persoas xubiladas, para preservar os intereses financeiros.

O proxecto de lei, que pretende estabelecer un sistema único de xubilación por puntos, recibiu miles de emendas. Francia Insubmisa (FI) presentou unhas 23.000, a Esquerda Democrática e Republicana (GRD, en francés), unhas 13.000, e o Partido Socialista (PS), arredor de 700. 

O obxectivo é obstaculizar a súa tramitación, que desde o Goberno queren que sexa rápida para presentala como unha vitoria de cara ás eleccións municipais de marzo.

Os comicios serán un exame para o Executivo de Macron e o seu partido, A República en Marcha (LREM, nas súas siglas en francés), que desde o pasado 5 de decembro vive unha das mobilizacións máis extensas no tempo na historia recente de Francia. A erosión sufrida nestes meses súmase ao desgaste provocado polas protestas desde hai máis dun ano dos coletes amarelos, que protestan pola suba no prezo dos combustíbeis, a perda de poder adquisitivo e a inxustiza fiscal. 

París é o bastión da LREM e onde os paros no transporte e as folgas xerais máis se fixeron notar. Nas presidenciais de 2017, a capital francesa apoiou maioritariamente o candidato Macron con 35% de votos na primeira volta e 90% na segunda. En 2019 consolidou a súa posición de primeira forza con 33% do sufraxio.

Filibusterismo

A esquerda quere bloquear o proceso rápido de aprobación da lei que busca Macron. Alén da redacción de miles das emendas presentadas, contemplan outros mecanismos dentro do denominado "filibusterismo parlamentario".

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.

Comentarios