A enerxía lastra a produción industrial galega

O deserto industrial no que se está a converter Galiza pasa factura aos datos de produción industrial do país, que o pasado ano caeu 3,9%. O sector enerxético e a metalurxia son os sectores que rexistran as maiores baixadas.
Central térmica de Meirama (Pilar Ponte / Europa Press).
photo_camera Central térmica de Meirama (Pilar Ponte / Europa Press).

  pasado ano marcou un punto de inflexión na grave crise industrial que padece Galiza. En 2019, Endesa e Naturgy confirmaron o feche definitivo das súas centrais térmicas, que durante boa parte do exercicio estiveron sen funcionar. Precisamente, a produción de enerxía é unha das causantes de que a produción industrial caese o pasado ano 3,9%. O cese da actividade das térmicas fixo que a súa aportación a este indicador experimentase un descenso medio de 26,1%. A entrada en actividade de dous grupos de xeración no último mes do ano permitiu que as cifras non fosen aínda peores. 

Con todo, Galiza é o terceiro territorio do Estado español no que máis decreceu a produción industrial, só superada en negativo por Illes Balears (6,4%) e Asturias (4,2%), segundo reflicte o informe sobre a evolución dos prezos industriais que publicou onte o Instituto Galego de Estatística (IGE), elaborado a partir dos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE).

De non ser por decembro, mes no que a produción industrial galega creceu 5,1%, as cifras negativas serían moito máis acusadas. A automoción e o téxtil, dous dos sectores chave da economía do país, apuntáronse no último mes do ano subas de 42,8% e 70,9%, respectivamente. Porén, o seu crecemento no exercicio quedou en 11,9% no caso da automoción e 9,7% na confección de roupa.

O sector que máis crecemento experimentou tanto no ano coma no mes de decembro foi o de ‘outras industrias extractivas’, que rematou 2019 cunha suba de 45,3%, en parte pola espectacular alza do último mes de ano, no que subiu 164,8%, segundo os datos do IGE.

O parón enerxético

A caída na produción enerxética foi o principal lastre da produción industrial na Galiza o pasado ano, un dato que se explica pola decisión das eléctricas de fechar os seus centros de xeración de enerxía térmica a partir de carbón, pero tamén por unha menor demanda por parte das industrias electrointensivas. E outro parón, de tipo técnico desta vez, foi o que provocou que a produción de coquerías e refino de petróleo descendese 7,7%, xa que a refinaría de Repsol da Coruña parou varias semas para acometer traballos de mellora, unha situación que se vai repetir a comezos deste 2020.

A enerxía foi un factor chave o pasado ano, non só polo descenso, senón pola incidencia que tivo noutros sectores. Proba diso é que, por detrás da enerxía, un dos que máis caeu foi o da metalurxia e as súas producións de aceiro, ferro e ferroaleacións, que se deixaron 13% no ano e 8,5% no mes de decembro. 

Megasa, Celsa Atlantic ou Ferroatlántica son algunhas das empresas que se engloban neste sector e que levan meses agardando a que o Goberno do Estado español aprobe un novo marco enerxético que lles permita competir en igualdade de condicións con outros territorios da Unión Europea. As últimas poxas de interrumpibilidade non favoreceron aos seus intereses e a súa delicada situación económica, e por extensión laboral, agrávase á medida que pasan as semanas sen que o o Executivo de Pedro Sánchez aprobe o novo regulamento, polo que tamén agardan empresas como  Alcoa. Precisamente, o presidente do comité de empresa da planta que a multinacional estadounidense ten no concello de Cervo, José Antonio Zan, amosou onte a súa desconfianza sobre a eficacia que o novo estatuto poida ter no mantemento do emprego na comarca. 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.

Comentarios