Endesa deixará de producir con carbón en 2022

A compañía eléctrica modifica o seu plan estratéxico para acelerar a eliminación da produción con carbón do seu mix de xeración

Central das Pontes.
photo_camera Central das Pontes.

Endesa xa ten data para o feche definitivo da central térmica das Pontes. Será en 2022 cando a instalación pontesa deixe definitivamente de producir enerxía a partir da queima do carbón, segundo anunciou a propia compañía á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) esta cuarta feira.

No documento remitido pola empresa ao regulador, no que modifica o seu plan estratéxico para o período 2020-2022, Endesa inclúe a desaparición dos 4,5 xigavatios (GW) de produción de carbón co feche xa anunciado das centrais de Compostilla (León) e Andorra (Teruel) e a non continuidade da de Litoral (Almería) e a das Pontes máis aló do ano 2022.

No seu redeseño do modelo de negocio, no que pon especial foco na descarbonización, Endesa pretende pasar de 40% a 60% no que a capacidade renovábel se refire, e lograr que 85% da súa produción sexa libre de emisións de CO2 (na actualidade é 75%).

As previsións da compañía contemplan reducir a súa capacidade peninsular dos 19 xigavatios (GW) a 17,3 GW en 2022, pero incrementando a produción de 49,5 teravatios hora (TWh) a 52,1 TWh por esa maior aportación das renovábeis, que pasarían de xerar 9,4 TWh a 17,8 TWh nese período. A nuclear manteríase no entorno dos 26,5 TWh e a produción térmica quedaría limitada á aportación dos ciclos combinados, que sería de 7,8 TWh, fronte aos 13,8 TWh que suporán este ano xunto coa contribución das térmicas.

Máis investimento en renovábeis

Segundo sinalan desde a compañía, a descarbonización do seu modelo ofrece oportunidades de investimento de 236 miles de millóns de euros. Xa en 2020, Endesa cifra o seu investimento en renovábeis nuns 600 millóns de euros, unha cantidade que ascenderá até os 1.000 millóns e 1.400 millóns, respectivamente, nos exercicios sucesivos.

Nesta previsión non se inclúen os 72 millóns de euros de investimento na Galiza para a construción dos parques eólicos no Vicedo e Paradela, que suman 62 MW e que a compañía prevé que entren en operación antes de que remate o ano. Tampouco especifica partidas para o desmantelamento da central nin aclara proxecto algún sobre o que se vai facer nos terreos liberados.

Aínda así, a compañía ofrece algunhas pistas, xa que o incremento de capacidade contemplado no seu plan estratéxico ten na solar e na eólica os seus grandes protagonistas. No caso da primeira, Endesa prevé elevar os 0,3 GW até os 2,2GW de potencia solar instalada. No caso dos eólicos, o incremento sería menor, de 9MW, dos 2,3 con que cerrará este ano até os 3,2 no ano 2022.

Comentarios