Imprimir

A APDR denuncia a queima anual de 18.000 toneladas de aceite usado contaminante da planta de Ence

Redacción | 18 de xullo de 2019

Ence en Pontevedra
Ence en Pontevedra

A Asociación pola Defensa da Ría apresentou un informe onde se sinala que a empresa Ence queima en Pontevedra arredor de 18.000 toneladas anuais de aceite usado a modo de combustíbel. O consumo destes residuos permitiu á empresa un aforro superior aos 3,5 millóns de euros anuais nos últimos cinco anos, segundo denunciaron desde a APDR. Sinalan tamén que as emisións producidas pola combustión deste aceite provocan danos no tecido respiratorio e pulmonar.

Até 18.000 toneladas anuais de aceite usado sen tratar queima a planta de fabricación de celulosa de Ence en Pontevedra para obter combustíbel. Así o denunciou esta sexta feira en Pontevedra a Asociación pola Defensa da Ría.

O aceite usado está declarado como residuo tóxico e perigoso pola Unión Europea e a normativa española dende 1998. En 2006 prohibiuse no estado o vertido deste residuo sobre os solos e as augas superficiais e subterráneas, esixindo o seu tratamento superficial antes da súa utilización como combustíbel. Porén, segundo denunciaron desde a APDR no Estado “tense permitido a utilización de aceite usado como combustíbel sen realizar un tratamento térmico previo, t al e como recoñeceu un estudo técnico encargado polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente en 2011”.

 “Ence fornecése deste produto contaminante para o seu uso como combustíbel a través de varios xestores de residuos industriais no Estado español, Portugal e países de África”, sinala a APDR.

Así, desde a entidade pontevedresa sinalan que “os tratamentos que se teñen esixido e que se teñen realizado do aceite usado, limítanse a procesos de eliminación de augas e sedimentos, sen a eliminación de metais pesados e outros compostos contaminantes que se atopan neste residuo e que saen ao medio na súa combustión”.

Para a APDR “Ence fornecése deste produto contaminante para o seu uso como combustíbel a través de varios xestores de residuos industriais no Estado español, Portugal e países de África”.

O cambio normativo nas esixencias da utilización do aceite usado como combustíbel conta cunha moratoria até 2020

Sinalan ademais que o uso do aceite usado tería xerado a Ence un aforro superior aos 3,5 millóns de euros anuais nos últimos cinco anos. “A comezos do ano 2018, o goberno do Estado aprobou a orde que estabelecía requisitos para que o aceite usado recuperado e tratado puidera ser comercializado como combustíbel ás plantas industriais”, recordaron desde a APDR, e sinalaron que precisamente nesta orde “especifícase un procedemento de tratamento máis rigoroso e uns valores límite de contaminantes presentes tanto no aceite como nas emisións industriais producidas pola súa combustión, incluíndo as partículas contaminantes da queima de metais pesados”.

Mais con todo, a pesar deste cambio nas esixencias da utilización do aceite usado como combustíbel, a orde incluíu unha moratoria de dous anos, até 2020, para adaptarse.

A asociación ambientalista denuinciou na rolda de prensa desta quinta feira que precisamente esta moratoria é empregada por Ence para continuar utilizando o aceite usado sen contar con medidas para tratar os gases xerados na combustión dos residuos, a pesar de coñecer os efectos prexudiciais que pode provocar sobre o medio e a saúde humana.

Este procedemento "choca directamente cos compromisos ambientais e de seguridade e saúde das persoas que ENCE estabelece nas súas Memorias anuais”, denuncian desde Defensa da Ría

Este procedemento "choca directamente cos compromisos ambientais e de seguridade e saúde das persoas que Ence estabelece nas súas Memorias anuais” e que declara aos seus accionistas e inversores como empresa cotizada nos mercados”, denunciaron desde APDR. Incidiron ademais en que a queima de aceites, tanto usados como non usados, na planta de Ence está expresamente prohibida pola Autorización Ambiental Integrada (AAI) revisada no ano 2018, “o que supón motivo abondo para a súa anulación”, remarcaron.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/ence-queima-pontevedra-18000-toneladas-aceite-usado-contaminante/20190718185404082076.html


© 2020 Nós Diario