Opinión

En Muras, as formigas

En Muras, as formigas, o ar abafante detido na sombra da carballeira, beira dun rio sen nome nen estirpe. Un río onde ninguén bañou igual após Heráclito.

Agostando a vida, rentes da terra esquencida do norde, felizmente deitada ventando A Gañidoira, a herba, estremecida, soña. Soña aqueles lentores outonais coa degolante sede dunha fogaxe inútil. As bolboretas albas e pardas, fuxidías e monocordes, lembran a nena temesiña e triste que eu fun, nun eón infranqueavel. 

So dos calados carballos, unha ringleira de formigas pasan. E os homes son coma formigas, na vila sen nome, dicía Ferrín naquel saudoso Crepúsculo. Unha columna de formigas en marcha. Desprendida da saiva, río abaixo, unha folla de ameneiro isolada a navegar a nave tola, aboiando á toa. É o baile infernal.

Ecoan os berros xogorais dos meniños ao lonxe. Tráxica inocencia. Silencioso e cadente, o gume da gadaña a segar os monllos que albean o pan cotiá.

As bolboretas albas e pardas, fuxidías e monocordes, lembran a nena temesiña e triste que eu fun, nun eón infranqueavel

 

O rumor da auga acordando os latexos angurientos e a desbocada conciencia arelando a bieita sabencia da libeliña que deslumbra a paisaxe abrindo as ás ao sol do serán.

Quen sabe, teme menos, di o lembro. Eu, como Indra, coa mesma vaidade vacua ollo o desfile das formigas enfaenadas na busca da vida e enxergo, deitada a rentes da erva, como unha entomóloga do espírito, o sentido sen senso da vida, de todas as vidas. Renace aquel recendo criminal ao ácido fórmico cando en Prior alguén escaldara un formigueiro que ocupara unha propiedade privada. A violencia fonda que se espella no río, no se deter naquel silenzo axexante, contemplativo.

O absurdo do livre albedrío na encrucillada do crepúsculo. A estrana fertilidade perseverante, a teimuda celebración das formigas enfariñadas do entroido, o inquisitorial proído do comezo da vida. O solpor devalando cun torrar de inxustiza.

No lombo do outeiro, de vagariño, albíscanse os muíños a moer, coa nacente bris, o gran vertolán deste intre.

Comentarios