Asegura ter chegado nas "peores circunstancias" aos comicios xerais

En Marea abrirá en xuño un "debate profundo" sobre o futuro da organización

unnamed
photo_camera Consello das Mareas celebrado onte [Imaxe: En Marea]

O primeiro Consello das Mareas após as eleccións xerais do pasado domingo congratulouse "sinceramente da vitoria do bloque progresista, do que formamos parte", aínda consciente, asegura, "de ter obtido un resultado moi insatisfactorio". 

En Marea sinalou que "nesa situación polarizada, real ou condicionada desde o poder para volver á estrutura do bipartidismo, a xente optou por concentrar o voto para frear á dereita", o que, engade, "unido á clave estatal dos comicios acabou pasándonos factura". Con todo, a resolución aprobada no Consello das Mareas expresa un "sentimento de alivio pola contención da dereitae ledicia por que sae poda compoñer unha maioría de esqeurdas que sentimos como propia. Foi unha situación de emerxencia á que se lle deu unha resposta de emerxencia”.
  
Máis preocupada está a formación liderada por Luís Villares no que atinxe a Galiza. "A forte polarización do voto", apunta a resolución, "tivo un enorme sacrificio para os intereses de Galiza. A reacción de emerxencia fronte á dereita déixanos cunha voz feble na defensa dos nosos intereses nacionais como galegas e galegos”.
 
En Marea recoñece ter chegado á campaña electoral "nas peores condicións posíbeis e tras un periodo de inestabilidade interna e dunha ruptura a pouco máis dun mes para as eleccións". Aínda así, considera que estas circunstancias "non son unha excusa, pois todas as enquisas dábannos posibilidades de éxito relativo que despois non se confirmaron". 
 
De cara ao futuro, o Consello das Mareas manifestou a súa intención de abrir no mes de xuño un "profundo debat onde as persoas inscritas reflexionen colectivamente sobre o futuro da organización e a forma de afrontar con solvencia as eleccións autonómicas de 2020, co obxecto de merecer a confianza da cidadanía galega, comprometida coa radicalidade democrática, a igualdade e a xustiza social”.

Comentarios