En Marea condiciona a formación de Goberno á anulación da licenza de Ence

unnamed
photo_camera En Marea, hoxe na ría de Pontevedra [Imaxe: En Marea]

“En Marea é a única forza política galega herdeira do 15M democrático e agora do 15M ambiental que di alto e claro que quere a ENCE fóra da ría e que o quere xa, polo que condicionaremos a formación de Goberno ao respecto dos valores ecolóxicos e á decisión rápida de anular a licencia concedida de xeito ilegal a Ence por parte do Partido Popular”, manifestou Luís Villares, voceiro de En Marea, na súa visita á ría de Pontevedra.

Villares e Iris Malvido, candidata pontevedresa de En Marea ao Congreso, denunciaron que o Partido Popular aprobara a prórroga ilegal de Ence. “A situación da ría de Pontevedra é un exemplo de como a contaminación e a corrupción se dan a man", expuxo Villares, para quen "a presenza de Ence supón a contaminación da auga e do aire e a imposibilidade dun desenvolvemento racional da ría, pero tamén é un exemplo de corrupción por parte do PP, podendo facer uso das portas xiratorias e entrar nos consellos de administración”.

O voceiro de En Marea tamén lamentou que o PSOE non aposte por facer unha política distinta á do Partido Popular no que se refire a Ence e acusouno de ser “cómplice” de que a pasteira continúe no estado actual porque “tivo na súa man nos últimos 10 meses anular unha prórroga ilegal e só agora, por motivos electoralistas, din que se acollen a esa vía”, recalcou Villares. O portavoz parlamentar de En Marea referiuse tamén a En Común-Unidas Podemos ao dicir que "hai outras forzas que apoiaron os orzamentos e que agora se manteñen ambiguas e non din claramente que queren botar a Ence da Ría”. Neste sentido, Villares mostrouse sorprendido de que durante esta campaña “Podemos, que se consideraba herdeiro do 15M, estea gardando silencio sobre Ence”.

Pola súa banda, Iris Malvido defendeu que dende En Marea se aposta “por un modelo moito máis sostible e por un emprego máis razoable dos nosos recursos porque somos conscientes de que non hai planeta B nin Galicia B”. Luís Villares afirmou que a formación que lidera é “herdeira do 15M democrático de 2011 que nos indignou e que nos fixo comprometernos co noso país e tamén do 15M do 2019, do da xente moza que saíu á rúa para loitar contra o cambio climático e reclamar a defensa do Medio Ambiente”.
 

Comentarios