Opinión

En guerra

[María Obelleiro]

Asistimos a unha guerra cruenta entre o virus e a saúde onde a  pandemia está a avanzar con gran facilidade favorecida polo proceso de desmantelamento dos servizos públicos. Un desmantelamento que é consecuencia da aplicación dunha axenda política inspirada nos principios da visión máis descarnada do capitalismo, aquela que coñecemos como neoliberalismo. Un axioma básico do neoliberalismo pasa por negar a eficiencia do sistema público e por impugnar a posibilidade da igualdade de oportunidades. 

Lonxe de ser a sanidade pública un mecanismo democrático que permita que todas as persoas poidan evitar as doenzas independentemente do lugar de nacemento, clase  social ou xénero, vemos como a orixe e a extracción social é un factor determinante que predispón á hora de sufrir enfermidades. Un exemplo ben sinxelo: o da vacina da gripe.

Quen ten diñeiro, pode vacinarse na privada. Quen non, ten que agardar. Até cando imos ter que aturar que idealicen os cambios individuais no estilo de vida e que garden silencio sobre a vulnerabilidade estrutural que padece a maioría da poboación?

Comentarios