Opinión

En definitiva, sentidiño

A política local pon a proba a capacidade dos partidos de relacionarse cos cidadáns mirándoos directamente aos ollos, no exercicio de pedirlles a confianza para solucionar os seus problemas máis próximos e ser quen xestione o que ten que ver coa súa actividade cotiá. 

O PPdeG é a única formación que concorre a estes comicios nos 313 concellos da nosa comunidade. Isto, que ben podería parecer coincidencia, vén acontecendo desde hai décadas e quere dicir que somos o único partido que ten un proxecto para Galicia no seu conxunto, pero tamén para cada unha das pequenas realidades que a conforman. A nosa cosmovisión vai desde o pequeno, e non importa se somos goberno ou oposición, porque en cada recuncho desta terra hai alguén que traslada orgulloso a nosa mensaxe. Así, o Partido Popular está en todos os concellos, do mesmo xeito que todos os concellos están representados no Partido Popular.

Esta formación, alá onde sexa, ten por bandeira un modelo de xestión, que é o que ten desenvolvido Alberto Núñez Feijóo nesta década á fronte da Xunta: estabilidade institucional, rigor no control das contas públicas, aposta polo emprego, crecemento económico e mellora dos servizos públicos. Un modelo marcado polo mesmo sentidiño que preside as decisións que toman no seu día a día a meirande parte dos nosos veciños e veciñas.

Fronte a iso, na maior parte de concellos atopamos unha alternativa conformada por unha amalgama de modelos diferentes. Unha suma de siglas, de programas distintos -e moitas veces contrapostos- que acaban nun mandato de parálise, frustración e ausencia dun rumbo claro. Evitar esta situación e conformar gobernos que lle dean estabilidade ás nosas institucións é a nosa razón de ser.

Non quixera pasar por alto tampouco que na cita deste domingo tamén temos moito que dicir nas eleccións europeas. Moitos cidadáns ven Bruxelas como un lugar alleo e burocrático, cuxas decisións resúltannos moi afastadas. Folga dicir que non é así, senón que o que alí sucede incide de xeito directo e decisivo na vida de milleiros de galegos e galegas. A Política Agraria Común ou as cotas pesqueiras son dous dos exemplos máis socorridos de como desde a Unión se pode condicionar a economía e a sociedade galega, pero nese foro tamén nos xogamos infraestruturas clave como o Corredor Atlántico ou as telecomunicacións da nosa comunidade, o medioambiente ou a mobilidade exterior.

Por iso, a min gustaríame pedir o voto nestas eleccións europeas, sen complexos, para o Partido Popular. Independentemente da ideoloxía que cadaquén profese, non cabe dúbida de que nas últimas décadas fomos o partido que máis fixo por velar polos intereses de Galicia nas institucións comunitarias.

Pídolles a confianza para termos unha delegación numerosa que saibamos que vai defender os intereses e os sectores produtivos de Galicia

Estou convencido de que hai moitos socialistas galegos que non ven con bos ollos que Pedro Sánchez nomease ministra de Economía a muller que como directora xeral de orzamentos da Comisión Europea propuxo un recorte na PAC, nin que o PSOE mantivese como comisario a un home que defendeu as sancións aos estaleiros galegos até deixar gravemente ferido o noso naval.

Do mesmo xeito, sei que moitos simpatizantes das Mareas de Podemos non se verán representados nunha candidata cuxa actividade máis notable na Eurocámara foi adherirse ao movemento antivacinas, que cuestiona os preceptos máis básicos da saúde pública contemporánea. E non me cabe dúbida de que moitos votantes nacionalistas non se acaban de sentir cómodos nunha alianza con formacións como Bildu ou ERC.

A todos eles, eu pídolles a confianza para termos unha delegación numerosa que saibamos que vai defender os intereses e os sectores produtivos de Galicia desde a moderación, a seriedade e o coñecemento das institucións. En definitiva, desde o sentidiño. 

Comentarios