Opinión

En agradecemento e apoio aos gandeiros e gandeiras galegas

É só despois da quentura do leite da mañá que confirmas que definitivamente acordaches. A calor traspasada da cunca ás mans abrevia o frío que se presente fóra. O leite fervido, como sempre che sentenciaban naquela casa, naqueloutra que veu despois e nesta. Mágoa daquela tona larpeira que só aniña nas túas lembranzas da infancia.

É só despois da quentura do leite da mañá que confirmas que definitivamente acordaches. A calor traspasada da cunca ás mans abrevia o frío que se presente fóra. O leite fervido, como sempre che sentenciaban naquela casa, naqueloutra que veu despois e nesta. Mágoa daquela tona larpeira que só aniña nas túas lembranzas da infancia. Mágoa daquela calor expulsada da corte a carón da cociña da Picota onde vivía o universo da Pinta, da Marela, da Canela, da Roxa... Con nome propio todas elas, como os outros animais compañeiros da casa e da familia.

Vixiabas como aquelas mans premían os tetos con sabedoría exclusiva, aprendida na poderosa experiencia da vida transmitida de pais a fillos; aqueles dedos curtidos e encalecidos acariñaban ubres vizosos, sostén alimentar e produtivo, ciclo da vida.

E el, pola mañanciña, agardaba a carón dela o momento propicio para apañar a escape os febles fíos leitosos quentiños no seu cazolo de branca porcelana, ulía aquel arrecendo corporal misterioso, sostíñao na calor das mans e fervíao na cociña contigua.

Imposíbel sensentido recoñeceres imaxes aletargadas dun tempo e dun lugar que foi para xa non poder ser nunca máis. A celeridade dos días non admite morriñas nin señardades infantís. Mais como esquecer a proba de idade que supuña poderes ir soa coa leiteira buscar o leite a Leborís? A mesma leiteira de aceiro inoxidábel deteriorado que hoxe te acompaña en pleno proceso de recuperación decorativa manual (iso si, o máis fiel á realidade!), porque precisas recompor as fichas desta partida que levas décadas a xogar. O futuro pasaba pola modernización das explotacións, pola profesionalidade do traballo, pola escrupulosidade do tratamento e manipulación dun produto hipersensíbel. Tiña que ser e foi. A poboación entendeuno e apostou por defender unha vía de traballo digno.

Son horas e hai que ir saíndo. O traballo (que afortunada es!) agarda por ti!

O libro de texto demanda hoxe de ti e do alumnado unha actividade simple: escribe unha oración coas seguintes palabras da columna da dereita de xeito que se perciba o seu xénero. Reparades nas palabras: análise, uve, cume, paisaxe... e leite. Cal é o xénero da palabra leite? Masculino, sen dúbida! Responden convencidos e constrúen perfectas estruturas oracionais, gramaticalmente correctas e con sentido completo. Parabéns!

Onte, na rotonda, os gandeiros cortaron o tráfico e queimaron rodas. Disque o leite vale menos que a auga, di aquela voz decote silandeira da penúltima fila.

O leite, outra vez, pensas. O xénero do leite. A leiteira-adorno-lembranza. As contas da leiteira...

Comentarios