"Culturetas a min", desafía Jácome nas redes sociais

As empresas escénicas cargan contra o Concello de Ourense por desentenderse do festival de teatro

“Queremos amosar o noso total rexeitamento á decisión do Concello de Ourense de retirarlle o apoio ao Festival Internacional de Teatro de Ourense”. Con esta clareza pronúnciase Escena Galega, a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas.
slide-portada-ensaio_cegueira
photo_camera Imaxe da montaxe 'Ensaio sobre a cegueira', de Sarabela Teatro. Foto: Sarabela Teatro.

A pasada semana, o alcalde de Ourense, Gonzálo Pérez Jácome, anunciou que o consistorio deixaría de subvencionar o encontro teatral, organizado pola veterana e celebrada compañía Sarabela Teatro, e ao Festival Pórtico do Paraíso, dedicado á música clásica e académica. Segundo as súas declaracións, non proporcionaban retorno económico á cidade.

Esta estreita visión economicista da cultura é refugada polo comunicado de Escena Galega. “O Festival de Ourense é un festival consolidado dentro do calendario cultural ourensán -e por suposto galego- e desde os seus comezos oferta programación escénica artellada por espectáculos de compañías galegas, mais tamén estatais e internacionais”, afirma, “que dinzamiza a axenda cultural da cidade”.

O encontro xa viviu 11 edicións e nelas contou co financiamento non só do concello, senón tamén da Xunta e da Deputación de Ourense “independentemente da cor política dos mesmos”. A asociación de empresarias do sector “quere rexeitar frontalmente a determinación do novo equipo do goberno municipal de desatender unha iniciativa como esta”.

A “falta de sensibilidade e interese” da que Escena Galega acusa a Pérez Jácome foi respondida por este cunha publicación desafiante na rede social twitter (en castelán): “Culturetas a min”.

Comentarios