As empresarias galegas acollen con pesimismo o arranque do exercicio

A confianza empresarial baixou 0,7% no primeiro trimestre na Galiza. 
As empresarias non son optimistas respecto á actividade empresarial (Xoán Roberes).
photo_camera As empresarias non son optimistas respecto á actividade empresarial (Xoán Roberes).

O pesimismo respecto a situación das empresas galegas parece ser a tónica xeral no arranque de 2020. Así o reflicten os datos de confianza harmonizado que publicou onte o Instituto Nacional de Estatística (INE) e que atribúen a Galiza un descenso de 0,7% deste indicador no primeiro semestre do ano en relación ao trimestre anterior, unha cifra sensibelmente superior á do conxunto do Estado español, que neste mesmo período é de 0,4%. 

En taxa interanual, a confianza empresarial na Galiza no primeiro trimestre do ano é 0,79% superior á rexistrada no mesmo período de 2019. Para chegar a estes resultados o INE tomou como mostra 8.000 estabelecementos e preguntou ás súas responsábeis a visión que teñen sobre os seus negocios.

A situación en relación ao trimestre que acaba de finalizar reflectiu o optimismo de 17,7% das empresarias galegas, unha valoración normal de 65,4% e 16,9% das respostas foron pesimistas. O balanzo foi 0,8 puntos en positivo.

Malas expectativas 

Se a confianza para este primeiro trimestre do ano é baixa, as cousas non mudan de cara ao período comprendido entre abril e xuño. De feito, lonxe de mellorar, empeoran máis. As opinións respecto ao trimestre que comeza reflicten que 13,5% das empresarias galegas son optimistas, 67,2% teñen unha valoración normal e 19,3% considéranse pesimistas. Para o próximo trimestre as cifras apuntan a un saldo de -5,8%.

A caída da confianza empresarial entre xaneiro e marzo débese ao empeoramento do indicador de expectativas, en contraste coa mellora do indicador de situación. Ademais, as expectativas difiren do período anterior -0,5% e +2,4% respecto ao ano anterior.

Comentarios