Catalunya

Desconcerto nas elites españolas pola vitoria independentista na Cámara de Comercio

O desconcerto entre as elites económicas e a caverna española é total perante a aplastante vitoria na Cámara de Comercio de Barcelona da candidatura Eines de País (Ferramentas de País), apoiada pola  Asemblea Nacional de Cataluña, pois deixa moi clara a posición do empresariado da capital catalá a favor do proceso soberanista.  

Reunión da Generalitat coa candidatura gañadora
photo_camera Reunión da Generalitat coa candidatura gañadora

A canidadura Eines de País (Ferramenta de País) logrou unha ampla maioría nas eleccións á dirección da Cámara de Comercio de Barcelona, facéndose coas 32 cadeiras das 40 a elixir. Isto supón unha clara posición do empresariado barcelonés que deu un resultado aplastante para a lista apoiada pola Asemblea Nacional de Catalunya (ANC). Hai 20 cadeiras máis que non se elixen por votación e que copan grandes empresas como CaixaBank, Naturgy, Augas de Barcelona ou Indra, mais aínda así, a maioría independentista seguirá sendo insuperábel numericamente.

Após os poderes españois levar anos prognosticando o abandono de empresas por mor do proceso soberanista, levan un duro revés por parte do propio empresariado

O desconcerto na caverna mediática e máis nos poderes económicos españois é total, pois após anos prognosticando o abandono de empresas de Catalunya por mor do proceso soberanista, levan un duro revés por parte do empresariado barcelonés ao este apostar cunha maioría absoluta pola candidatura independentista.

As cámaras son institucións públicas que segundo a lexislación teñen o obxectivo de defender os intereses xerais das empresas, ademais de fortalecer o tecido económico, fomentar a ocupación e axudar á promoción internacional. Como analiza Manuel Monge no seu artigo publicado en Sermos Galiza, a Cámara de Comercio de Barcelona “xoga un importante papel en toda a vida económica da cidade” e é unha plataforma para a promoción económica e que está ao servizo das empresas e da súa proxección internacional. A Cámara de Barcelona ten un orzamento de vinte millóns de euros.

A Cámara de Barcelona ten un orzamento de vinte millóns de euros

Monge recolle tamén no seu artigo algúns dos principios cos que se apresentou a candidatura Ferramenta de País, “para que non haxa dúbidas sobre o carácter da candidatura gañadora”, entre os que se atopa converter a Cámara, como “estrutura de Estado”, nun ente ao “servizo da República” e “sen submisión aos intereses de oligopolios e empresas con sede non catalás”.

Outro dos seus compromisos no seu programa sinala que, fronte a uns poderes fácticos centralizados, o que chaman “palco do Bernabeu”, aposta por redeseñar o sistema de infraestruturas: aeroporto, porto, enerxía, autovía do Mediterráneo.

Comentarios