“A empresa non ten razóns para fechar a planta, estanos a destrozar a vida”

A nova do fechamento caeu como unha bomba. “Agardabamos algunha mala noticia mais non esta”, confesa Nazario Arias, delegado de CCOO. Juan Moscowitch, da CIG, afirma que “non podemos partillar os argumentos que dan para fechar Alcoa Coruña”. Os traballadores e traballadoras da factoría coruñesa dixiren a noticia mentres preparan un novo ciclo de mobilizacións. “Estamos afeitos”, din, “e sabemos loitar”.

DpzJ9KqX4AEyQG7
photo_camera Imaxe: @TraballadoAlcoa

Alcoa fecha as plantas da Coruña e Avilés e realizará un despedimento colectivo para os case 700 traballadores e traballadoras de ambas as dúas factorías, case 400 na coruñesa e 300 na asturiana. San Cibrao ficará como único enclave operativo da multinacional estadounidense no Estado español. Alcoa comprou á Sociedade estatal de participacións industriais (Sepi) en 1998 varias plantas, entre elas as 2 galegas, pagando menos de 400 millóns de euros. Hai 20 anos. Desde 1998 a 2011 a compañía gañou perto de 1.500 millóns de euros. E recibiu nunha década máis de 1.000 millóns de euros en axudas públicas.

“Sospeitabamos algo, quizás o anuncio dun ERE, mais algo tan forte como o feche, non”, confesa Nazario Arias, delegado de CCOO, en conversa con Sermos Galiza preguntado sobre se sospeitaban algo cando a direccións os convocou a unha xuntanza.

“Estamos moi cabreados”, afirmou Julio C. López Corbacho, presidente do comité de empresa, “somos máis competitivos que outras plantas do grupo en Europa, non teñen razóns para facernos isto”, denuncia. Na mesma liña, Julio Moscowitch, delegado da CIG, afirma a Sermos Galiza que “non podemos partillar as razóns dadas pola empresa”. O grupo dá beneficios no estado español e embora, recoñece, que na Coruña actualmente non, é unha situación de “conxuntura” que non xustifica, insiste, o fechamento. “Non é de recibo”.

O alto prezo da enerxía, a competencia chinesa ou o encarecemento das materias primas son os motivos expostos pola empresa. Non convencen. Os representantes dos traballadores e traballadoras lembran que o alza das materias primas tamén afecta as plantas do grupo noutras zonas de Europa como Alemaña, Bélxica ou Noruega e estas van continuar. O alto prezo da enerxía foi ‘compensado’ con centos de millóns de euros de axudas con diñeiro público e podía ter unha solución a medio prazo.

Confían en que o goberno galego, asturiano e español movan baza. Corbacho lamentaba esta cuarta feira a “inacción” da Xunta no relativo a esta factoría coruñesa. Arias lembra que cando Pedro Sánchez estaba na oposición “reuniuse con nós e parecía que entendía os problemas de Alcoa, a ver se agora que está no goberno actúa”.

Mentres, os traballadores e traballadoras xa están coas mobilizacións. Non deixan saír camións con metal e este sábado hai unha manifestación (11.00 horas) na Coruña, desde a Praza da Palloza até a Delegación do Goberno, na Praza de Ourense.

“Están xogando co pan das familias, isto vai ser duro”, recoñecen os delegados. “Non hai motivos para o feche, estannos a destrozar a vida”, manifestan. E advirten: “Toca seguir a tirar para diante, non podemos deixar de loitar. Estamos afeitos a situacións difíciles e sabemos loitar”.

Comentarios