Unha empresa galega gaña a "guerra pola Alta Planimetría"

Prosistemas recibe o seu terceiro ‘Golden Troweld Award’, o Oscar do sector do formigón e a construción. Logrouno grazas ao pavimento de 125.000 metros cadrados para unha multinacional do téxtil e que é o chan máis plano e nivelado existente no planeta.

Extenderoa_prosistemas

Os xigantes mundiais das grandes superficies comerciais e loxísticas e as grandes empresas e factorías cun gran volume de tráfico interior invisten millóns de euros en lograr un pavimento de planimetría perfecta. É dicir, un chan cun grado de planeidade e horizontalidade matematicamente perfectas: completamente lisos, sen rugosidade. Iso permite almacenaxes a gran altura, aforro no consumo de vehículos internos, unha reflectancia específica que reduce ao mínimo o consumo da luz.

É a guerra pola Alta Planimetría, a pugna por lograr unha regularidade superficial absoluta e que require investigación, técnica, innovación… Unha empresa galega, Prosistemas, vén de realizar o chan máis plano e nivelado que existe no mundo. Fixo o pavimento de 125.000 metros cadrados para unha multinacional do téxtil que supera todos os rexistros mundiais de planeidade e horizontalidade. "Non existe na Terra un espazo de semellante tamaño con este nivel de regularidade superficial. A sonda espacial Voyager podería ter observado unha superficie máis plana en Xúpiter ou máis aló do Sistema Solar; podería, pero no noso planeta, até hoxe, non foi medido un solo máis liso e horizontal ca este co que a nosa empresa bateu o récord do mundo", afirma o enxeñeiro Eusebio Rey, director xeral de Prosistemas.

mediciones_planimetria_prosistemas

Un traballo que lle valeu a esta empresa que presume de, “por principios”, manter sede e laboratorio en Galiza, o seu terceiro ‘Golden Troweld Award’, un galardón que anualmente se entrega nos Estados Unidos, un premio que se coñece como os Oscar do sector do formigón e a construción.

O novo récord do mundo, en datos

O pavimento construído por Prosistemas na Laracha ten unha superficie de 125.000 metros cadrados. Os resultados de planimetría medidos polo organismo estadounidense amosan unha regularidade superficial (Ff+Fl) de 193,48 na escala ASTM, a maior rexistrada na historia. Tamén foi récord mundial o rexistro de horizontalidade de todo o conxunto, cun Fl de 94,99.

Nunha entrevista publicada en Sermos Galiza, Rey Cachafeiro indicaba que os recoñecementos obtidos eran "un plus de motivación e ilusión para seguir perfeccionándonos. Isto tamén demostra que as empresas galegas por si soas poden contribuír a xerar riqueza en Galiza, e erguer a autoestima do país, sendo líderes mundiais. Somos unha mostra de até onde podemos chegar, ao mesmo nivel das empresas estadounidenses".

Comentarios