Empate entre Rácing e Polvorín e vitoria do Deportivo ao Pontevedra

Xornada hoxe de partidos amigábeis entre algúns dos equipos do país que compiten na Segunda División B do fútbol español.
pontevedra-deportivo2
photo_camera Un momento do choque que disputaron en Pasarón Pontevedra e Deportivo, con vitoria visitante (Pontevedra CF)

Xornada hoxe de partidos amigábeis entre algúns dos equipos do país que compiten na Segunda División B do fútbol español. O Rácing de Ferrol e o Polvorín ─filial do CD Lugo─ enfrontáronse no campo de Río Seco de Narón. O partido finalizou con empate a cero no marcador. 

Emilio Larraz deu entrada no once inicial a algún dos últimos reforzos: Yeferson Quintana, Elsinho, Dani Nieto e Juan Peñaloza. Ao equipo ferrolán notóuselle falto de ritmo, fronte a un Polvorín que deixou patente a súa calidade e talento. Na primeira parte foi o claro dominador do xogo, tocou ben o balón e chegou arriba con certo perigo, aínda que tampouco tirou demasiado a porta. Non obstante, o porteiro racinguista Chema viuse na obriga de intervir nun par de ocasións. 

Na segunda metade do encontro, o Rácing cambiou o sistema e deulle fortaleza atrás. Colocou tres centrais e dous carrileiros e ademais deu entrada a Joselu, Pep Caballé, Dani Abalo, Fornos ou Toni Dovale, que continúa a adestrar co equipo. Fíxose entón co dominio do partido e dispuxo dalgunha clara ocasión para adiantarse no marcador, en especial unha última acción de Joselu, que desviou a córner o porteiro do Lugo B Brais Vázquez, substituto no descanso de Julen. O Rácing buscou o gol fundamentalmente nas accións a balón parado e na fortaleza dos seus dianteiros, como Nathan ou Elsinho.

Ademais, houbo algún momento para as diferenzas, cunha lea entre os xogadores que non pasou a maiores e noutro par de ocasións máis. Nos contraataques tivo tamén o Polvorín na segunda metade a oportunidade de marcar, mais non estivo afortunado na definición, como tampouco gozou de acerto nos últimos metros o Rácing.

Virada ao marcador

E noutro amigábel disputado na mañá de onte en Pasarón, o Deportivo impúxose ao Pontevedra tras unha reviravolta no marcador. O resultado final foi de 1-2 a prol do conxunto deportivista, que malia ser inferior ao equipo local durante boa parte do choque tirou proveito da expulsión de Charles, con 0-0 no marcador, para levar o partido ao seu rego. 

Con todo, foi o equipo granate quen se adiantou no marcador cun gol de Adrián Cruz, que culminou unha contra de Oier. A partir de entón, o Pontevedra foi quen de deixar sen argumentos e sen ideas ao Deportivo, que tan só levou perigo nun córner rematado por Bergantiños. 

O Pontevedra deu un paso atrás co discorrer dos minutos, agardando o erro que lle permitise rematar á contra. Por dúas veces puido chegar ese gol, mais nin Charles nin Rufo estiveron acertados de cara á portería rival. O xogo directo foi outra arma usada polos da casa.

A situación mudou á volta dos vestiarios, tras o descanso. A entrada de Keko deu ao conxunto branquiazul outra enerxía e foi el quen forzou o penalti de Iñaki Martínez que significaría o empate a un a dez minutos do final do partido. Pena máxima que materializou Beauveu.

Cun 4-3-3 no segundo tempo e con Keko e Lara no campo, o Deportivo tivo maior chegada e o Pontevedra non puido presionar arriba. Antes do empate a un, non obstante, o Pontevedra tivo unha das mellores ocasións do encontro, un lanzamento da falta directa, Cruz superou a barreira mais Abad chegou para mandar o coiro ao pau coa punta dos dedos.

Finalmente, co tempo case cumprido, Beauvue rematou unha falta lateral botada por Keko para o 1-2 definitivo.

Comentarios