Imprimir

Emilio Rúa: "Gosto de facer as miñas cancións desde a poesía"

Ana Triñanes | 19 de novembro de 2020

O músico Emilio Rúa. / Nós Diario
O músico Emilio Rúa. / Nós Diario
Con sete anos xa formaba parte de Concorde Atenea, agrupación familiar que lideraba o seu pai. En 2000 sacou o primeiro disco e en decembro ten previsto publicar un novo traballo no que comezou a investigar xa daquela, Lendas no camiño, e do que ofrecerá un avance, no Teatro Colón da Coruña, no próximo mes de decembro.

—Este outono puidemos velo actuando con Cándido Pazó no Liceo ourensán. Como nace ese Cantigas e Romances?

Este espectáculo foi creado pola necesidade dos dous, de Cándido e miña, de facer algo diferente. Xa colaboraramos, aínda que por separado, nalgunha historia e en outubro puidemos facer esta presentación no Liceo, porque quen propiciou o encontro foi, precisamente, o seu xerente, Xosé Luís Troitiña, que nos coñece a ambos os dous. 

O espectáculo é unha conxunción entre o cantautor que acompaña o que relata Cándido, un formato sinxelo que ten para os dous a motivación de facer algo diferente, sacar algo novo da xuntanza do monólogo coa música e, de certo, casan moi ben. 

A xente que asistiu gozou e iso nótase cando é así, é algo sinxelo e fresco. Debido aos protocolos sanitarios, fíxose ao vivo e tamén en liña. Esta situación das restricións e da Covid provoca, como positivo, que colaboremos un pouquiño máis entre nós.

—Cal é, en xeral, a sensación do directo con estas restricións? Como está a vivir todo isto?

Cando foi o confinamento, fechados sen saber moi ben que sería das nosas vidas, seguín a traballar como sempre fago, pero si que é certo que a sensación era de desacougo, porque ves o raro que é todo, aínda que tentes facer o que fas sempre. 

Realmente, cando dei o primeiro concerto, que foi para unha canle de televisión onde toquei dúas cancións en directo, custoume coller o ritmo, aínda que non levaba moito tempo sen facer directo. Pero tiña unha sensación rara. A partir de aí empezaron a saír máis concertos, que fixen coa mesma motivación de sempre, pero tamén cunha certa sensación de estrañeza.

—Neste 2020 tamén publicou coa Editorial Galaxia Novelovento. Cóntenos en que consiste ese libro-disco.

Esta baseado en 14 poemas do libro Herba aquí e acolá de Álvaro Cunqueiro, unha obra cunha poesía extensa e densa pero que ten un ritmo musical moi potente.

A idea deuma Ánxela Gracián, con quen fixen outro libro-disco hai un par de anos, Memoria iluminada. O que recollo en Novelovento son os últimos versos de Cunqueiro e o que resultou tivo críticas favorecedoras, cousa que me agrada, porque aínda que é unha obra sinxela, foi complicada de facer. 

—Que o levou a escoller a forma de libro-disco?

O feito de escoller este formato responde a que penso que é vendíbel e porque, tamén, ter un libro nas mans é necesario. Para a poesía é un formato que casa moi ben, e ademais da música, os poemas de Cunqueiro están acompañados de ilustracións. 

—Non é a primeira vez que bota man da lírica para facer a súa música, por que esa íntima relación da súa canción coa poesía?

É certo que sempre me gustou botar man da poesía para facer cancións. En Interior, aló polo 2014, xa incluíra un poema de Manuel Rivas, titulado "Cantiga de amiga", do que resultou un tema cun sentimento de moita potencia.

Arredor dun par de anos máis tarde gravei Cantares, onde incluía poesía clásica e tamén outra máis actual, con composicións de Rivas, outra volta, de Xosé Carlos Caneiro, de Rosalía, de Cunqueiro, de Celso Emilio...

E con Caneiro saquei tamén un libro-disco, Despois de ti, a chuvia, no ano 2013. O certo é que me gusta moito a poesía e gústame darlle unha volta e buscar como facer dela unha canción. Os autores e as autoras líricas móstrannos o seu universo íntimo e gústame buscar por aí, mergullarme nese outro universo, do poema ou do poemario ou do autor. 

"A cultura debería ser un ben blindado" 

As restricións derivadas da situación sanitaria pola Covid-19, o feche das salas de concertos, a reducida capacidade dos locais de espectáculos e, diante disto, as políticas culturais, levan a Emilio Rúa á reflexión de que "todo está sempre vinculado á política e, ao mellor, a cultura non debera estar tan vinculada", di.

A razón de non querer ese vencello xustifícase porque debera "ser un ben máis prezado, igual que debera selo a sanidade, porque son importantes para o ser humano", por iso, di Rúa, "deberan estar blindados de por si".

Así e todo o músico valora que "por parte dos gobernos estanse a incentivar concertos, pero hai outras cuestións que creo que van alén deles, a cuestión de se os locais de música en directo deben estar abertos porque as restricións actuais fan que sexa moi difícil, pero é unha cuestión de saúde e temos que tentar aguantar", afirma.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/emilio-rua-gosto-facer-minas-cancions-poesia/20201118195142109341.html


© 2020 Nós Diario