As embarcacións tradicionais peregrinan cara á Guarda

Unha comitiva polo mar, con Muros de porto de partida, arribou á vila do Baixo Miño para tomar parte no XIV Encontro de embarcacións tradicionais da Galiza. E por terra chegou a reconstrución dun volanteiro, barco que desapareceu a principios do século XX.

embarcacións tradicionais
photo_camera Foto: Sara Rodríguez

Desde esta quinta feira, día 11, e até o domingo, 14, A Guarda vai ser a capital europea das embarcacións tradicionais, unha cita bianual que rota polos diferentes portos galegos reunindo centos de tripulantes e miles de visitantes en torno ao mundo do mar. Navegacións en barco, música ao vivo, exposicións, obradoiros, gastronomía... unha manchea de actividades desenvolveranse estes catro días na Guarda no marco deste XIV Encontro de embarcacións tradicionais, organizado por Culturmar, a asociación Piueiro, o Instituto de Estudios Miñoráns e o Concello.

Estes días previos á inauguración oficial do encontro xa foron días de movemento. Houbo unha comitiva por mar, con porto de partida en Muros e de arribada na Guarda. A última etapa foi desde Cíes até a vila guardesa. O convoi, formado por 18 embarcacións de diferentes tipoloxías,  e con 120 tripulantes a bordo, realizou a travesía conxunta de Cíes ata A Guarda en case seis horas. A comitiva contou en todo momento co apoio  do  remalcador Sebastián Ocampo, da Consellería  do Mar. En total foron 22 millas e cunha grata sorpresa á altura de Oia, xa que alí agardavban barcos da Guarda, que lles acompañaron no último tramo da viaxe.

Ao tempo, o  volanteiro  construído por  Piueiro viaxaba por estrada desde o estaleiro A Pasaxe ata o porto guardés. No traslado investíronse nove horas e foi necesario un dispositivo de máis de 20 persoas, tres guindastres, un  trailer, dous elevadores e a colaboración do  Concello para conseguir que esta embarcación tradicional, que se cría perdida, chegase á Guarda.

Este volanteiro construíuse seguindo planos antigos xa que se teñen referencias dete tipo de embarcación desde o século  XVII, aínda que posteriormente, no século  XX, co auxe dos arrastreiros deixouse de construír.

Comentarios