Gregorio Revenga Portela, candidato á Alcaldía de Pontevedra por Ciudadanos

"Eliminaremos os lombos para apostar noutras medidas para calmar o tráfico"

Gregorio  Revenga Portela é o candidato de Ciudadanos á Alcaldía de Pontevedra. É optometrista da ONCE en Pontevedra desde 1987 e director técnico de Audiocentros Revenga. Coordina a agrupación local e provincial de Ciudadanos.

Gregorio Revenga Portela
photo_camera Gregorio Revenga Portela

Que supuxeron estes catro anos para Pontevedra?
Catro anos perdidos, cun proxecto estrela, o da compostaxe, estrelado. Voltamos sempre ao “modelo de cidade”, parece que non hai outro tema, todo xira arredor diso. Pero mentres tanto, os Servizos Sociais de Pontevedra están desbordados; houbo nenos que quedaron meses sen comedor porque non había cartos para axudas; 400 nenos quedan fóra das praza das escolas infantís cada ano; o rural segue abandonado á súa sorte, sen transporte urbano, está sen rematar o saneamento e os mozos continúan abandonando o noso concello por falta de oportunidades. Esa é a realidade.


Como valora o traballo desenvolvido pola alcaldía?
Hai luces e sombras. Máis, o segundo. O señor Fernández Lores está falto de humildade e cheo de autocompracencia, e unicamente lle preocupa o márketing. Perdeu o contacto cos veciños, non escoita, ou mellor dito, escoita, pero non fai caso. Vinte anos son moitos para calquera, tamén para Lores. Caeu vítima do “síndrome Michelena 30”.

E o traballo realizado polo seu partido?
María Rei e o noso equipo traballamos estes catro anos por e para os pontevedreses, con propostas serias, sensatas e xustas. A nosa concelleira fixo unha oposición responsábel e puxo a Ciudadanos no mapa político pontevedrés. Estou seguro que é un labor que será recoñecido pola cidadanía cun grande apoio electoral.

 
Cal é a principal necesidade do concello?
Como todo concello, os retos son constantes e non dan tregua. Pero si poñemos énfase nos máis importantes. Queremos facer de Pontevedra un concello solidario e inclusivo, cuns Servizos Sociais de calidade e que dean resposta en 72 horas. Necesitamos prazas de gardería e imos crear 400 prazas, crearemos tamén centros de día para maiores no rural e a cidade, e poremos en marcha un programa dirixido aos coidadores.

Outras das nosas preocupacións están no rural, agora mesmo sen transporte urbano e sen servizos de saneamento ou abastecemento en todas as parroquias, e tamén nos barrios, porque até agora o BNG só se preocupou polo centro da cidade. Por outra banda, a medida de calmar o tráfico con lombos parécenos que pecha a cidade, e é substituíbel por outras. Necesitamos máis aparcadoiros disuasorios, conexión con aeroportos e un estudo de fluxo de tráfico con rigor. E o que queremos é tamén facer de Pontevedra un concello de oportunidades para o traballo, o emprendemento, para a empresa. Para que os nosos mozos se poidan formar aquí e poidan quedarse na cidade que lles viu crecer.

 

En relación a iso, cal será a primeira medida que impulsará non novo mandato se está no goberno?
Máis que unha medida son un paquete de medidas urxentes: Imos restruturar a área de Servizo Sociais. Tamén imos negociar coa Xunta a creación dunha escola municipal infantil de forma inmediata e imos organizar xa as medidas para poñer en marcha o transporte urbano. Eliminaremos os lombos para apostar noutras medidas para calmar o tráfico. E imos poñer en marcha inmediatamente unha auditoría do que implica o Plan 3A do rural:  redes de sumidoiro, asfaltado, alumeado.

Comentarios