De viaxe levará a compañía Elefante Elegante a gala de entrega dos XIX Premios María Casares que se desenvolverán o 26 de marzo no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. A compañía codirixida por María Torres e Gonçalo Guerreiro forma parte da historia dos premios xa que en 2013 converteuse na primeira gañadora ao mellor espectáculo cunha proposta dirixida ao público infantil. Nesta edición, Elefante Elegante é finalista con Kassa a tres categorías dos premios da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).
A viaxe será o cerne da súa proposta para a entrega dos premios que se desenvolverá a véspera do Día do Teatro, opción que escolle a compañía xa como “espello para ese xeito de vida dos actores, que vivían como viaxeiros forzados nunha época na que se movían polo mundo en troupe”, segundo sinala a directora María Torres dunha gala na que abrollarán temas como “a itinerancia como modo de vida, a emigración ou a multiculturalidade”. A compañía contará con música en directo de Kibitka con sons de Armenia, Bielorrusia, Moldavia, Rusia ou Galicia.