As eleccións xerais, en números

Un total de 2.240.616 galegas e galegos están chamados ás urnas este domingo para escoller as 23 deputadas e deputados e as 16 senadoras e senadores polas catro circunscricións galegas.

Colexio electoral 20D eleccións xerais
photo_camera Un colexio electoral

Arrancou a xornada electoral e fíxoo coa apertura dos colexios ás 9 horas. Un total de 2.240.616 galegos están chamados ás urnas para decidir os 16 asentos do Senado e os 23 escanos no Congreso en xogo. Son catro escanos menos que nas primeiras eleccións ás Cortes Xerais españolas após a morte de Franco, un dato que evidencia a perda de peso poboacional de Galiza.

Dos máis de 2,2 millóns de electoras e electores, 929.181 elixirán representantes pola circunscrición da Coruña; 772.631 por Pontevedra, 278.291 por Lugo e 260.513 por Ourense.

As galegas e galegos poderán escoller entre 49 candidaturas ao Congreso e 47 ao Senado. Todas as circunscricións, agás Ourense, con 13, contarán con 12 listaxes distintas –PP, PSOE, En Marea, En Común-Unidas Podemos, BNG, Ciudadanos, Compromiso por Galicia, Vox, Pacma, Recortes Cero, Por un mundo máis xusto e Partido Comunista dos Traballadores de Galiza, para elixir os oito escanos da Coruña, os sete de Pontevedra e os catro de Lugo. En Ourense tamén se elixirán catro, o mesmo número de representantes que se elixen para o Senado en cada circunscrición.

A Delegación do Goberno informa de que na Galiza hai dispoñíbeis 7.912 urnas en 3.956 mesas distribuídas en 2.416 locais electorais.

O voto CERA

De constiuíren unha circunscrición electoral, o CERA, o censo electoral de residentes ausentes, sería a terceira circunscrición galega, despois da Coruña e Pontevedra. E é que perto de 458.000 galegos e galegas da emigración foron chamadas a participar nas eleccións xerais, una cifra que supón case o 22% do CERA do conxunto do Estado, que ascende ás 2.088.000 persoas.

Por país de residencia, Arxentina é o que máis electoras e electores achega, seguido do Uruguai, de Suíza, de Cuba e de Venezuela.

Comentarios