As eleccións a ollos de... Olaia Maneiro

"Temos que defender as enerxías limpas porque estamos acabando co planeta"

A pandereteira Olaia Maneiro, que está a revolucionar a música galega xunto co resto de integrantes de Tanxugueiras, valora cales son as prioridades para Galiza e Europa con motivo das eleccións municipais e europeas do vindeiro 26 de maio.  

Olaia Maneiro
photo_camera Olaia Maneiro

Segue con atención a campaña electoral?

Si, sígoa. Aínda que a verdade aténdoa menos do que quixera por mor do traballo. Con todo, a maioría das veces ponme de moi mal humor porque as forzas políticas prometen moitas cousas que despois non cumpren.

Que tema debería ter protagonismo nesta campaña e considera que non o está a ter?

Os asuntos principais para calquera sociedade son a sanidade e a educación públicas, e aquí ambas as dúas están a morrer. Ademais é prioritario defender a nosa lingua e cultura, e en relación con isto, e xa desde un punto de vista máis persoal, polo que me dedico, necesitamos ter máis espazos onde poder cantar e tocar e, por suposto, que a música e a arte estean mellor remuneradas.

O 26M eliximos as e os nosos representantes no Parlamento Europeo. Cales son as prioridades de Galiza que deberían defender na eurocámara?

Algo que nos ataca a nivel mundial e a Galiza en particular é o cambio climático. Temos que defender máis as enerxías limpas porque estamos acabando co planeta. Por suposto, tamén debemos esixir que se defendan os valores sociais e a nosa lingua. Outras prioridades para Galiza son a nosa pesca e mais a agricultura e, por suposto, precisamos a mellora das infraestruturas que nos conectan co resto de Europa porque son pésimas.

Comentarios