Que representa para vostede a Unión Europea?
Nada. Eu son euroescéptico de esquerdas e a miña posición coincide no plano europeo co Partido Comunista Portugués. Sempre fixen campaña contra a UE. Precisamente, un dos puntos de ruptura do nacionalismo de esquerdas co predecesor piñeirismo foi debido ao concepto que este defendía sobre o modelo de Europa e que hoxe representa a UE.
Ademais, lembremos que Europa vai moito máis alá da UE. Moscova tamén está en Europa e a tradición europea vén xa de Grecia, mais iso nada ten que ver con estes estados unidos de Europa.
A UE ten défices políticos, carece de carácter democrático e funciona como un pozo de atracción dos nosos aforros e impostos. Vémolo nesa Comisión Europea que dita o que temos que pescar, o que temos que comer e até como temos que sentar na mesa.
A maiores, este ente non favorece en nada a autodeterminación nin a independencia de Galiza.
Con todo, temos que estar alí, en Bruxelas, porque se nós non estamos ocupamos ese lugar outros farano por nós.
Considera que a UE é reformábel?
Non, para nada. Hai que contribuír á súa destrución, a comezar polo plano ideolóxico, e ver ademais con alegría o momento de disolución en que se atopa.
Como ve a situación do continente?
Rusia está contribuíndo con outros países de América e Asia á creación dun planeta multilateral, e neste contexto os estados europeos teñen que entrar nunha nova configuración territorial e deixar de ser a cola dos EEUU.
Ademais, os estados da Europa son fracturábeis e pode haber independencias, como ocorreu en Iugoslavia, mais como estas eran favorábeis aos EEUU foron ben vistas. O independentismo que nós apoiamos non é favorábel a eles e o traballo a facer é maior.