Un total de 2.248.635 persoas están chamadas ás urnas das eleccións municipais para escolleren 3.721 concelleiras e concelleiros nos 313 concellos. Repártense 45 edís menos que en 2015, segundo os datos da Delegación do Goberno.
O número das persoas que poden votar nas eleccións municipais descendeu en 36.134 persoas a respecto de 2015 e perdéronse 45 concelleiras e concelleiros debido á perda de poboación e a fusión de Cotobade e Cerdedo. Caen 51 representantes locais en 21 concellos, só compensados polos dous que soben en San Cibrao das Viñas e polos catro de Foz.
Nas municipais tamén se elixen os alcaldes e alcaldesas das nove entidades locais menores que existen na Galiza: Berán (Leiro); Arcos da Condesa (Caldas de Reis); Bembrive (Vigo); Camposancos (A Guarda); Chenlo (O Porttiño); Maorgadáns (Gondomar); Pazos de Reis (Tui) e Queimadelos e Vilasobroso (Mondariz).
Ademais resolverase o reparto dos 108 escanos das deputacións provinciais.
Eleccións europeas
En canto ás eleccións europeas, o censo acada as 2.705.842 persoas, que poderán elixir os 54 escanos aos que ten dereito o Estado español, pois para esta cita, a circunscrición é única, estatal.