Eleccións en Canadá: O soberanismo quebequés recupera o terreo perdido

Segundo os resultados provisionais, o Bloque Quebequés conseguiría o mellor resultado electoral da última década ao pasar de 10 a 32 cadeiras. O seu líder, Yves-François Blanchet, pediu esta segunda feira, 21 de outubro, “a liberación dos presos políticos cataláns”. O Partido Liberal, do actual primeiro ministro, Justin Trudeau, proclamaríase vencedor mais non chegaría á maioría absoluta.

YFB-Carles-Puigdemont-4-380x288
photo_camera Yves-François Blanchet con Carles Puigdemont

O Partido Liberal de Canadá, liderado polo actual primeiro ministro do país, Justin Trudeau, proclamouse vencedor das eleccións xerais organizadas no país norteamericano esta pasada segunda feira, 22 de outubro, segundo os resultados provisionais. Os liberais obterían 156 dos 338 escanos (184, en 2015) da Cámara Baixa do Parlamento, 14 menos dos necesarios para gobernar sen o apoio doutros grupos políticos.

En segundo lugar acabou o Partido Conservador, con 122 deputados e deputadas, fronte ás 99 de 2015. E malia baixar de 39 a 24 escanos, sendo a cuarta formación máis votada, o socialdemócrata Novo Partido Democráta de Jagmeet Singh podería ser decisivo para formar Goberno.

A sorpresa deuna o soberanismo quebequés, ao que se lle auguraba un progresivo esmorecemento. O Bloque Quebequés (Bloc Québécois, en francés, BQ) foi terceiro, con 32 representantes, logrando o seu mellor resultado electoral da última década. Nos comicios de 2015 conseguira apenas 10 representantes.

“Liberación dos presos políticos cataláns”

“Demando ao novo primeiro ministro, de forma solemne e formal, que pida a liberación dos presos políticos cataláns e que esixa o final da violencia contra os civís nunha nación que está entre as máis pacíficas do mundo”, afirmou o líder do BQ, Yves-François Blanchet, no seu discurso tras coñecer os resultados preliminares das eleccións.

O socialdemócrata BQ, fundado en 1991, é o único representante do independentismo de Quebec na política federal. Nas lexislativas de 1993, logrou 54 das 78 representantes en xogo en Quebec. Desde aquela, a popularidade do BQ foi a menos debido ás loitas internas. O momento máis crítico xurdiu despois da elección de Martine Ouellet como líder do partido en 2017, o que levou á rebelión de sete deputadas e deputados e á posterior renuncia ao cargo de Ouellet.

En xaneiro de 2019, Yves-François Blanchet foi elixido como novo líder do BQ. Tras coñecer os resultados provisorios abriuse a colaborar co Goberno de Trudeau “se o que propón é bo para o Quebec”, aínda que desbotou que foran a participar nunha coalición.

O resultado de 32 escanos permite ao BQ recuperar o seu estatus de partido oficial na Cámara dos Comúns de Ottawa, así como o orzamento parlamentario e o tempo de palabra, privilexios reservados para as formación que logran un mínimo de 12 representantes.

Comentarios