12 de xullo: Galiza votará baixo o coronavirus

Núñez Feixoo compareceu após o Consello da Xunta extraordinario realizado esta segunda feira para anunciar a data das eleccións que xa había días que estaba tomada: 12 de xullo. Menos dunha hora despois, o lehendakari Iñigo Urbullu anunciaba o día en que os vascos e vascas irían votar: tamén en 12 de xullo.
O presidente galego, Alberto Núñez Feixoo (Xunta).
photo_camera O presidente galego, Alberto Núñez Feixoo (Xunta).

Eleccións 12 de xullo na Galiza. É a data que Núñez Feixoo xa tiña sinalada no calendario desde hai días e que anunciou hoxe, segunda feira, após un Consello da Xunta convocado escasas horas antes no que parecía por momentos unha competición co Goberno vasco por ver quen anunciaba antes unha data, a electoral, na que Galiza e Euskadi coinciden desde 2009.

"O Consello da Xunta vén de dar o visto e prace ao decreto para convocar eleccións en 12 de xullo", anunciou Feixoo, após asegurar que os dados dos últimos días da evolución do coronavirus indican que en Galiza estamos nunha "fase de control" da pandemia. 

Núñez Feixoo expuxo o argumento que vén empregando nestas semanas para defender ir a votar antes do verán, que é máis "seguro" en xullo que en setembro. Apelou aos informes sanitarios e xudiciais encargados polo Goberno galego, e dixo que a situación despois do verán ía ser peor, falando dunha "pandemia económica e laboral".

Mesmo volveu sinalar a que a chegada a Galiza de miles de turistas e visitantes do Estado no verán supoñen un factor de risco de que poida haber un rebrote. Nesta liña, dixo que un factor "chave" para optar por xullo e non por setembro é que entre ambos os dous meses había "un millón" de visitantes de diferencia. 

Núñez Feixoo recoñeceu que un dos informes indicaba que a fin de semana do 19 de xullo había máis posibilidades de rebrote que en semanas anteriores. 

"Inoportuna"

O presidente chegou a afirmar que "a celebración de eleccións" nun contexto como o marcado polo coronavirus "resúltame tan inoportuno como a calqueira" mais era cuestión de responsabilidade chamar a votar. 

A respecto dun posíbel recorte da duración da campaña electoral, lembrou que é un "imperativo legal" que dure 15 días mais indicou que os partidos poden decidir que as súas campañas sexan de menos dese tempo.

Agradeceu a En Marea e Ciudadanos a "honestidade" de apoiar votar en xullo

Nada indica que para 12 de xullo o coronavirus desapareza da Galiza e se ben os dados indican que os casos activos dominúen día tras día, tamén o é que o risco de rebrote está aí. E unhas eleccións implican un movemento e confluencia de persoas que non son precisamente os escenarios que as expertas poñen de exemplo para atallar a pandemia.

A isto engádense as interrogantes derivadas dun proceso electoral nunha situación anómala como a amarcada pola pandemia: como se regulará a afluencia aos colexios electorais? variaranse estes? Que pasará coas papeletas? Como será a campaña electoral? 

De non estar na súa axenda a procurar “a quincena máis segura”

O presidente da Xunta pasou en poucas semanas de asegurar que as eleccións non estaban na súa axenda a afirmar que era preciso buscar "a quincena máis segura" para chamar os galegos e galegas ás urnas.

A oposición afeou a Feixoo que "incumprise" o acordo "unánime" plasmado no decreto de suspensión das eleccións do 5 de abril, no que, á marxe de comprometer ao presidente galego a ouvir aos partidos antes de fixar unha nova data, establecíase que non se convocarían os comicios mentres durase o estado de alarma e o de emerxencia sanitaria. Ademais,a oposiciñon coincide en ver precipitado e mesmo "temerario" chamar a votar en xullo.

Da man dos vascos desde 2009

Desde que Feixoo admitiu que buscaba a "quincena máis segura" para as eleccións, os pasos do presidente galego e do vasco Iñigo Urkullu foron en paralelo. Mesmo escoitaron aos partidos o mesmo día. Coincidiran tamén en convocar para o 5A, aínda que tanto en Euskadi como en Galiza se suspenderon os procesos por mor da crise sanitaria.

O 5 de abril sería a cuarta vez consecutiva desde 2009 que galegos e vascos acudirían da man ás urnas. A primeira coincidencia provocouna máis de dez anos atrás Juan José Ibarretxe, quen se sumou á data previamente elixida en Galiza polo entón presidente autonómico, o socialista Emilio Pérez Touriño.

Ese 1 de marzo de 2009, Feijxoo recuperou a Xunta para o PP e, desde entón, secundou as dúas datas que fixaron os presidentes vascos para os comicios autonómicos: primeiro co socialista Patxi López, quen decidiu adiantar ao 21 de outubro de 2012, e despois, o 25 de setembro de 2016, xa con Urkullu na Lehendakaritza.

Comentarios