Eduardo 'Chacho' Coudet será o adestrador do Celta até o ano 2022

O sistema do preparador arxentino favorece, teoricamente, o desenvolvemento dos moitos homes de que o Celta dispón para a liña de tres cuartos de campo, como Emre, Nolito, Brais, Denis ou o propio Iago Aspas.
Eduardo Coudet (Foto: Nós Diario).
photo_camera Eduardo Coudet (Foto: Nós Diario).

O Celta xa ten novo adestrador após destituír o catalán Óscar García Junyent: Eduardo 'Chacho' Coudet. O técnico arxentino chega procedente do Internacional de Porto Alegre brasileiro, conxunto co que marchaba líder da Liga e no que se formou unha importante polémica entre a directiva e a afección pola súa abrupta marcha dos colorados. 

A de Vigo non será unha cidade nova para Coudet, pois xa militou no Celta durante a súa época como xogador profesional, concretamente durante unha breve etapa no ano 2002 na que, individualmente, apenas disputou nove partidos, pero que colectivamente conseguiu a clasificación para a Liga de Campións por primeira e única vez na súa historia.   

O novo adestrador dos celestes é un dos preparadores suramericanos máis recoñecidos do último lustro, onde adestrou con notábel éxito escuadras como Rosario Central, Tijuana ou Racing de Avellaneda, conseguindo conquistar unha Superliga arxentina e un Trofeo de Campións con Racing, ademais de dous subcampionatos de Copa. 

Esto levouno a ser designado como mellor adestrador da competición austral. 

Un cambio radical

A súa incorporación supón un cambio radical coa concepción de xogo de Óscar García Junyent, moito máis defensiva que a do arxentino.

Coudet podería recuperar o "fútbol de salón", pois aplica habitualmente un 4-4-2 con rombo no medio do campo, o que favorecería o desenvolvemento dos moitos homes de que o Celta dispón para a liña de tres cuartos de campo, como Emre, Nolito, Brais, Denis ou o propio Iago Aspas.

Non obstante, esa aposta polo fútbol ofensivo non deberá descoidar o eido defensivo, pois o celeste é o segundo equipo máis goleado da Liga.

Comentarios