Opinión

#EditorialSermos362: Atentados ecolóxicos

A historia repítese. Mudan os protagonistas e as formas, mais non o fondo: Os recursos naturais da Galiza son espoliados por empresas de fóra sen que revertan na nación os beneficios. Aconteceu coas hidroeléctricas e agora as eólicas fan o propio coa anuencia do Goberno de Feixoo, autor da coñecida como “Lei de Depredación”. As consecuencias: novos parques con muíños proxectados en zonas de gran valor ambiental, algunha delas en Rede Natura.

O contexto, de sobra coñecido: Exportamos entre 30 e 40% da enerxía que producimos e a pesar de ser Galiza excedentaria e de soportar o impacto ambiental das empresas enerxéticas, as galegas e galegos pagamos un dos recibos da luz máis caros do Estado español.

O PP e o PSOE seguen a rexeitar unha tarifa eléctrica galega socialmente máis xusta. Euskadi, lembremos, goza dunha tarifa de seu en virtude das negociacións das deputadas e deputados nacionalistas vascos no Congreso. Por que nós non?
Debemos camiñar cara ao aforro enerxético, cara ao descenso do impacto no medio ambiente e cara á soberanía enerxética.

Comentarios