Opinión

Editorial #Sermos360: Cortar a sangría

Apoboación activa da Galiza é de 78.000 persoas menos que antes da crise; 487.000 persoas asalariadas ingresaron menos de 800 euros netos ao mes en 2017; as traballadoras e traballadores de 25 a 34 anos cobran salarios un 21,6% inferiores ao resto de idades; en 2008 traballaban na Galiza 424.000 persoas de menos de 35 anos e en 2018, apenas 216.000... Contratos fixos discontinuos; contratos a tempo parcial; horas extras sen pagar... todo isto achega unha idea do incesante crecemento da precariedade laboral. Unha precariedade que ten entre as súas principais causas as reformas laborais e da negociación colectiva impostas tanto polo PSOE e polo PP e un Goberno galego que desatende as competencias relacionadas co emprego e cos sectores producidos.

O empobrecemento da clase traballadora galega vai camiño de se converter en estrutural se non se combate a situación. Cómpre recuperar dereitos, empregos, salarios e pensións dignas e poñer o foco, sobre todo, nas máis desfavorecidas: as mulleres e a mocidade. Hai alternativas que abren a porta a unha saída favorábel e feita desde unha perspectiva nacional. Só desde a nosa propia realidade social e económica, desde o reforzamento do noso autogoberno e desde a capacidade de decidir libremente en todas as materias poderemos cortar a sangría e avanzar cara ao desenvolvemento da Galiza.

Comentarios