Opinión

Editorial #Sermos368: un procés que continúa

A sentenza feita pública na súa totalidade esta semana, despois de ser habilmente filtrada, non pon fin ao procés catalán. Máis ben afonda o divorcio de Catalunya con España, facéndoo aínda máis irreversíbel. Demóstrase nos últimos días cun pobo que sae á rúa, de maneira organizada e pacífica, para protestar contra unha sentenza que non só condena persoas senón que tamén supón unha tesoirada irreparábel contra a democracia, pois o texto bate contra o dereito de manifestación, de reunión, de asociación, de expresión, de opinión, de pensamento e de participación política.

Non por esperada a sentenza –que supón o broche de ouro á tiranía de quen rexeita o diálogo e a negociación e de quen nega o lexítimo dereito á autodeterminación dos pobos– resulta menos desmesurada, vergoñenta e cruel. O xuízo, levado a cabo coas mínimas garantías de imparcialidade‑ artellouse sobre un relato centrado na idea da violencia tumultuaria para tratar de afogar a vontade histórica dun pobo a existir como tal e a decidir por si propio e libremente o seu futuro.

A cuestión territorial é un debate de índole política e como tal, e non con paus nin con autoritarismo, debe tratarse. A receita: diálogo e negociación para unha saída pacífica, co fin de que Catalunya poida expresarse con plenos dereitos democráticos.

Comentarios