Opinión

Editorial #Sermos359: A memoria como alicerce de futuro

En vésperas do Día da Galiza Mártir, unha xornada eminentemente reivindicativa e de reparación das vítimas da represión brutal que padeceu a nación, cómpre valorizar a memoria como unha das pedras angulares coas que entender o presente e construír o futuro. Días como o da homenaxe ás nosas mártires non representan actos funerarios, nin de nostalxia. Son actos de xustiza e de posta en valor da vixencia do proxecto defendido por Bóveda e por todas e todos cantos deron a vida por facer da Galiza unha nación soberana e da galega unha sociedade xusta e igualitaria.

A memoria non só debe entenderse en termos de homenaxe de vida, senón como exemplo para os tempos que corren e os que virán. Resgatar “a labarada que chegaba até o ceo”, aquela da que escribira Castelao na “Alba de Gloria”, para lembrar quen fora secretario de Organización do Partido Galeguista, é unha débeda quen temos con aquelas e aqueles patriotas que se entregaron á causa da liberdade do pobo galego. Galiza precisa escoitarse a si propia, coñecer a súa historia e aprender dela para que no futuro as nosas devanceiras se saiban fillas e fillos dunha nación desacomplexada, que evoluciona e se sitúa na vangarda.