Ecoloxistas en Acción demanda unha actuación urxente do servizo de Parques e Xardíns do Concello de Vigo para preservar a “emblemática” melaleuca, que foi dañada polo temporal na súa situación actual.
A organización ecoloxistas viguesa propón que se acometan de inmediato todos os traballos necesarios para salvar unha das árbores “máis queridas e representativas” da flora do parque do Castro.
Na entrada á fortaleza do parque do Castro de Vigo medra unha melaleuca da especie Melaleuca armillaris, tamén coñecida como ‘Brazalete’. Esta árbore singular caracterizase por ter un tronco curvado e tombado no chan, e serve de escenario fotográfico e de xogos para moitas cidadáns e turistas.
As fortes rachas de vento do temporal Karim tiraron parcialmente a árbore, levantando o exemplar e rompendo parte das raíces.
Tras a observación e valoración do estado da melaleuca, a Área de Biodiversdade urbana de Ecoloxistas en Acción estima que é posible restabelecer a árbore devolvendo o tronco á súa posición mediante apoio físico e replantando as raíces, pero para iso é necesaria “unha acción urxente, que evitaría a morte da árbore, preservando así este exemplar tan valorado polas viguesas e vigueses”.