Dura derrota dun Guardés que acusou a inactividade

Cae ante o Bera Bera tras dous meses sen xogar
O partido  finalizou cun 22-31 contrario ás galegas. (Foto: Atlético Guardés).
photo_camera O partido finalizou cun 22-31 contrario ás galegas. (Foto: Atlético Guardés).

O regreso da liga Guerreiras Iberdrola non foi segundo o esperado para o Atlético Guardés. Unha derrota ante o Bera  Bera, actual líder do grupo A, podía encaixar dentro do previsto dado o longo período de inactividade -máis de mes e medio- que acumulaban as xogadoras galegas.

Pero a derrota na Sangriña por 22-31, con parcial de 7-15 ao descanso, foi alén diso e debeuse a un cúmulo de circunstancias nas locais, sendo as máis negativas das mesmas a ineficacia anotadora e unha defensa pouco consistente.

E iso que as visitantes presentaban catro baixas destacadas, como foron as de Boada, Cesáreo, O' Mullony e Gil de la Vega, a pesar das cales conseguiron acabar co Guardés a base de saques rápidos.

Os primeiros minutos do partido, tolos, xa anticipaban un resultado incerto. Tanto locais como visitantes non atinaban nas súas primeiras accións e até o minuto tres non se abriu o marcador, por medio dun gol de Laura Hernández (0-1).

As da Guarda apostaban por mover o balón, traballar a continuidade e esperar opcións claras de gol, pero aos poucos as de Prades foron converténdose en vítimas dos seus propios erros, con máis dunha decena de lanzamentos fallados na primeira parte. Este rexistro, unido a unha defensa que tardou en asentarse, como é lóxico tras tanto tempo sen esixencia competitiva, levou o Bera Bera a correr, correr e volver correr. A súa especialidade.

Do 4-5 o marcador pasou ao 4-9, e para evitar sustos maiores Prades pediu o primeiro tempo morto do partido. Estancadas nos catro tantos, facían falta revulsivos: Gómez, Santiago e Rajnohová foron entrando na pista -o sete inicial estivo formado por Lima, Arcos, Buforn, Moreno, Pérez, Valero e Carratú usando a Descalzo para a defensa-. A pesar dos cambios, as de Imanol Álvarez seguían ao seu e a vantaxe ao descanso xa era de 8 tantos (7-15). 

O segundo acto comezou con  Buforn forzando uns 7 metros e a exclusión de Pizzo (8-15), pero Arrojería, que asinou un sensacional partido con oito goles, anotaba sen problemas. Foron minutos bos para o Guardés, con Paulina  Buforn cambiando o ritmo e dando outro aire ao equipo, pero foi un espellismo que non fixo perigar o triunfo  donostiarra, que chegou a ter unha renda de 14 goles (13-27), maquillada até o 22-31 final.

Comentarios