AMBIENTE TENSO E ENRARECIDO

A dupla Fariña-Fabricio salva a continuidade de Víctor nun semidesértico Riazor

Os blues deixaron as súas bancadas baleiras e Riazor presentou un aspecto paupérrimo. A fractura no deportivismo, sen soldar

maratom inferior
photo_camera Foto de @senimgz

Apenas 14 mil persoas nas bancadas nun partido dramático e decisivo para o clube. É a consecuencia do divorcio entre sectores moi amplos da afeizón deportivista e a dirección da entidade, após esta ter batido contra os riazor blues cunha actitude que a oposición a Tino Fernández cualifica de "inhumana".

Os riazor blues chamaron onte a homenaxear o seu integrante asasinado en Madrid, Jimmy, de dúas formas. Primeira, deixando baleiras as súas bancadas, as de Maratón Inferior. Era un chamamento implícito a non ir a Riazor. Segunda, facendo un minuto de silencio simbólico, no minuto 30 do xogo. A resposta do Deportivo -que o día anterior emitira un comunicado na procura da conciliación- foi a de requisar á entrada do estadio os emblemas distintivos desta claque. A incautación estendeuse tamén, de acordo con testemuños deitados no twiter, a bandeiras galegas coa estrela vermella.

No minuto 30 xa ía gañando o Deportivo -Fariña mostrou o seu talento de estilista cun golazo no 21- e o minuto de silencio foi seguido de forma discreta, con berros de demisión a Tino Fernández mesturados con algúns asubíos desde tribuna e preferencia aos blues.

 A incautación estendeuse tamén, de acordo con testemuños deitados no twiter, a bandeiras galegas coa estrela vermella

No plano estritamente futbolístico, o triunfo -produto da destreza de Fariña e de dúas providenciais intervencións finais de Fabricio- é balsámico. O Deportivo suma agora 13 pontos após 15 xogos disputados. Estamos na pior liga por abaixo que se recorda. Con eses pontos (menos dun por partido), o Deportivo estaría agora fóra dos postos de descenso e con até´4 equipas por debaixo.

No plano social, a fenda está moi lonxe de se ter soldado. Riazor non foi esta terza feira Riazor e custa imaxinar que o deportivismo vaia avante nos próximos meses se non se alcanzar algunha forma de pacto social entre o tinismo -os sectores que avalan o consello de administración, fortemente protexidos polo diario hexemónico da cidade- e a oposición, formada non só polos blues, senón por unha representación moi ampla das peñas deportivistas, con presenza moi relevante de lendoiristas, partidarios do ex presidente do Deportivo que foi cesado do seu cargo na Liga de Fútbol Profesional por asistir ao sepelio de Jimmy.

Comentarios