Exposición

Lois Patiño e Jorge Periannes, dúas olladas sobre as paredes da Casa do Cabildo

O misterio, ese algo máis alá do material que suxire tamén moitas veces o engano visual, é o pretexto que vencella os traballos de Lois Patiño (Vigo, 1983) e Jorge Periannes (Ourense, 1974), xuntos en 'Dobre Quadratura'. A mostra xa pode volver visitarse na Casa do Cabildo, en Compostela, espazo central nas pezas. 
PERIANES.OBRA1
photo_camera Unha das obras de Jorge Periannes na mostra 'Dobre Quadratura'. (Foto: Mercedes Rozas)

Coa progresiva reapertura de espazos culturais desta semana xa é posíbel visitar de novo, aínda que en grupos moi reducidos, a exposición Dobre Quadratura, inaugurada pouco antes da entrada en vigor das restricións que a mantiveron fechada asdúas últimas semanas. Nela conflúen as olladas de Lois Patiño e Jorge Periannes, que dialogan co propio lugar, a Casa do Cabildo (Compostela), volvéndoo fundamental na configuración da proposta artística.

O misterio compartido

O título fai precisamente referencia a un aspecto que une os traballos de ambos os dous creadores. Neste senso, a quadratura é unha técnica sobre todo barroca, aínda que tamén empregada, en menor medida, no Renacemento, que consistía "en pintar nas cúpulas dos palacios e das igrexas o ceo no fondo de todo", explica a comisaria, Mercedes Rozas. Así, "desde abaixo daba a sensación, cun trompe-l'œil [enganaollos], de que era o ceo aberto".INICIO VÍDEO

Esta foi a forma de conectar, dunha banda, ese engano coa estética na que se inscribe o Cabildo e, da outra, algo que comparten os artistas. "Non só quería unha exposición de colgar cadros, quería que traballasen coa casa", sentencia a comisaria sobre a última mostra dun "proxecto dentro doutro", pois Rozas leva tres anos traballando co Consorcio de Santiago nunha serie de exposicións con Compostela sempre no centro.

Apropiarse da casa

A Casa do Cabildo ten "unhas connotacións moi especiais", cun espazo estreito e cunha fachada-telón, "forma parte da escenografía compostelá barroca que durante os séculos XVII e XVIII engalanou as rúas adxacentes á catedral. O seu papel é chave na harmonía coral da praza das Praterías, á que se abre cun fermoso lenzo pétreo, que manifesta na súa grandiosidade o concepto teatral do barroco", explica no texto introdutorio. Por iso quixo aproveitar para unir o espírito senlleiro de cada un dos creadores nese "misterio que se oculta tras as bambolinas", coa técnica da quadratura como escusa.PERIANES.MONTAXE1

"Cada un deles ten unha planta", conta. Patiño fixo, nas dúas salas que lle tocaron, cadansúa videoinstalación: unha delas con imaxes da Costa da Morte, tema que ten explorado na súa consolidada traxectoria cinematográfica, e a outra de Tokio. Estas últimas son unha exclusiva froito dunha residencia que o artista desenvolveu no Xapón o pasado ano.

A forma de ocupar o espazo de quen é un dos máis abandeirados representantes do que a crítica deu en chamar Novo Cinema Galego, explica Rozas, consistiu en que "todas as paredes teñan imaxes". Desde a escuridade total, consegue isto con varios proxectores que se entrecruzan nun xogo que convida a procurar esa pequena realidade que aparece entre os filtros ou obxectos que as difuminan._DSC7241

Periannes, pola outra banda, tira polo tema teatral co trompe-l'œil como eixo, "buscando esa anécdota, ás veces moi irónica", comenta. Nunha das salas coloca distintos elementos que enganan os espectadores, como un cigarro que semella real, mais que está construído por el cunha técnica hiperrealista. Na outra, puxo unha sorte de teatro onde se aprecia unha "bolsa con cubos de xeo e está todo manchado de auga", explica a comisaria. Porén, trátase dun enganaollos.PERIANES.OBRA2

Alén de confundir con estes mecanismos, a proposta de Periannes atópase ateigada de espellos, outra maneira de introducir a casa na obra. E no reflexo, "o periplo eterno do ser humano, cos seus achados e as súas perdas, as súas preguntas e as súas respostas".

Dous anos de traballo

A escolla destes dous talentos responde, primeiro, ao gosto persoal da comisaria, segundo ela mesma recoñece. Con Periannes xa traballara, mais con Patiño era a primeira vez. Foi un proceso longo, de dous anos. Do cineasta destaca a súa singular imaxe fotográfica, cunha medida selección das sombras, como se aprecia nos cadros superiores. No caso de Periannes, no inferior, Rozas valora o humor e a ironía coa que observa a realidade, pero sobre todo destaca o tratamento conceptual. 

Comentarios