O comité rexeita o inicio do ERE cando o xulgado desbota a liquidación

Dúas empresas, interesadas en adquirir Poligal

Poligal industria
photo_camera Protesta de Poligal diante do Parlamento galego

Dúas empresas fixeron chegar aos representantes das traballadoras e traballadores de Poligal e ao Igape o seu interese en seguir analizando a posíbel viabilidade da planta naronesa que o grupo Peralada pretende pechar e, dese xeito, despedir as 108 persoas que integran actualmente o plantel. 

O portavoz da CIG-Industria en Ferrol, Alberte Amado, asegurou que o comité de empresas segue a rexeitar a tramitación do expediente de regulación de emprego por distintos motivos; o primeiro, polo interese amosado por dúas compañías, unha asentada no Estado español e outra de orixe indonesa, mais non é a única razón. Así, sinala que "non ten sentido" comezar co periodo de consultas do ERE cando os salarios están ao día, cando aínda se están a facturar traballos realizados antes do anuncio do peche, no mes de febreiro, e cando o propio xulgado mercantil de Barcelona rexeitou a liquidación proposta pola empresa no concurso de acreedores.

A estas razóns hai que engadir que non está concluído o informe do administrador concursal sobre a situación económico-financeira da planta e que, a día de hoxe, a meirande parte da débeda aducida para propor o peche da fábrica naronesa é co propio grupo empresarial propietario, "Dos doce millóns nos que a propiedade cifra as perdas, a débeda con terceiros sería máis que asumíbel, porque non chega sequera aos tres millóns. Entendemos que se trata dunha estratexia para liquidar a empresa", denuncia Amado. 

O plantel retomará esta semanas as mobilizacións para impedir que 108 persoas engrosen as listas de desemprego dunha comarca, lembrou o portavoz da CIG, "moi castigada polo paro, nomeadamente no sector industrial". O mércores concentraranse diante da Delegación do Goberno na Coruña. 

Comentarios