Dúas adegas rioxanas son as principais beneficiarias das axudas á reestructuración do viñedo en Galiza

Ramón Bilbao e CVNE (Compañía Vinícola del Norte de España) ocupan os dous primeiros postos entre as beneficiarias desas achegas en 2017 e 2018: 203 mil euros e 119.000 respectivamente, segundo o Sindicato Labrego Galego.

Viñedos de casal de Armán. Foto: Casal de Armán

As grandes adegas son as grandes beneficiadas das axudas aos plans de reestruturación e reconversión da viña en Galiza en detrimento das pequenas e dos viticultores e viticultoras. “De novo, A Rioxa levou un bo anaco do pastel”. Eis o resumo que fan desde o Sindicato Labrego Galego (SLG) da primeira análise sobre estas contías. correspondentes aos anos 2018 e 2017. De sumar as axudas acumuladas neses dous anos, as adegas rioxanas Ramón Bilbao e CVNE (Compañía Vinícola del Norte de España) ocupan os dous primeiros postos entre as beneficiarias: 203 mil euros e 119.000 respectivamente.

A organización agraria informa que tocaba repartir unha partida de 668.893 euros entre as 59 persoas beneficiarias que superaron os requisitos esixidos. “46.242 euros foron caer de novo a Ramón Bilbao (nas axudas da convocatoria pasada levara 156.710 euros)”. Entre as axudas á reestruturación de 2017 e 2018, Ramón Bilbao suma 202.952 euros. O grupo ten a Adega Mar de Frades, en Rías Baixas.

A empresa Agrogalir (Adegas CVNE da Rioxa, que mercaron en 2017 Virxe de Galir, da DO Valdeorras) recibiu 44.858 euros; esta adega rioxana obtivo, nas axudas de 2017 un total de 74.753 euros, polo que nos dous últimos anos suma 119.611 euros.

As regras do xogo de Medio Rural favorecen a concentración en poucas mans e o abandono

Tamén volveu recibir subvención de Medio Rural González Byass (Xérez, Cádiz), con 8.983 euros, cartos a sumar aos 51.115 euros que ingresou en 2017 polo mesmo concepto. "Todas estas empresas de fóra de Galiza quedaron con case 16% do orzamento en 2018".

Os primeiros cinco postos absolutos de 2018, en base á análise do SLG, son para Lagar de Fornelos (Rías Baixas), con 105.179 euros; seguida de Terras Gauda (51.159 euros, após unha axuda o ano pasado de 61.907 euros); e tras Ramón Bilbao e CVNE,fica Adegas Campante no quinto posto, con 38.320 euros (en 2017, levou 27.451). “En total, os cinco primeiros beneficiarios das axudas á reestruturación do sector vinícola na Galiza de 2018 suman 285.758 euros, que supoñen case 43% do orzamento destinado a estas axudas”.

De sumar as axudas acumuladas en 2017 e 2018 as adegas rioxanas Ramón Bilbao e CVNE (Compañía Vinícola del Norte de España) ocupan os dous primeiros postos: 203 mil euros e 119.000.

“As regras do xogo de Medio Rural favorecen a concentración en poucas mans e o abandono”, indica esta organización. “Con estas regras do xogo, o abandono no sector vitícola seguirá in crescendo, como até agora, e as grandes empresas do sector acaparando terras e mercados en detrimento dun medio rural vivo con familias traballando e vivindo da terra e na terra”, denuncia.

Comentarios