Opinión

Dous pactan, dous non pactan. E En Marea?

Nos extremos do cuadrilátero, PP e Podemos enxergan o centro do taboleiro e alí ven o que talvez é, coa actual correlación de forzas, o único pacto posíbel. Schez xa ten o que quería, a Podemos á súa esquerda, a ensoñación Errejón superadora da dialéctica dereita-esquerda derrotada. E Rivera gaña forza como a única forza de dereita com capacidade de achar parceiros e, portanto, no novo mapa eleitoral fragmentado, sobre as cinzas do bipartidismo, a única forza de dereita con capacidade de tocar poder.

O pacto PSOE-Cs múdao todo. A partir de agora, o que fica da operación investidura será un plebiscito sobre ese pacto, que é un comboio en marcha. O PP non vai apañar billete nel porque o maquinista se resiste a abandonar a cabina de mando, a non ser que os xuíces o obriguen a ceder. E Podemos agardará seguramente até o derradeiro minuto da prórroga, os arúspices a desventraren as últimas enquisas. Neste momento a súa pulsión é non pactar, porque o obxectivo a curto non era tanto ocupar parte do complexo monclovita canto disputar ao PSOE o control da esquerda. Mais se os inquéritos sinalan que até o seu próprio eleitorado quer un pacto xa e non ir á xogar á ruleta rusa das novas eleccións, talvez, e só talvez, Podemos opte por un pacto in extremis.

En Marea debería no segundo acto da obra desagregarse do complexo podemita e negociar, sen intermediarios, co candidato do PSOE á presidencia do Goberno

Visto desde unha perspectiva galega, a pergunta inevitábel é: neste contexto, que papel xoga En Marea? Neste primeiro acto, xa o vimos: axiu simplesmente como un apéndice de Podemos, sen a máis mínima autonomía. Tentou arranxalo a última hora, mais toda manobra extemporánea agacha má conciencia e non acostuma servir para nada. Non estou aquí para dar consellos, mais acho que, dado que o máis probábel é que Schez fracase na súa primeira tentativa de investidura, En Marea debería no segundo acto da obra desagregarse do complexo podemita e negociar, sen intermediarios, co candidato do PSOE á presidencia do Goberno. E negociar cos intereses galegos por diante, non coas estratexias eleitorais de Iglesias-Errejón como lastro na mochila.

Comentarios