Os dous novos discos de Malandrómeda, os mellores do ano para Rockdelux

A revista raíña da música independente vén de coroar a Malandrómeda no alto da clasificación do mellor álbum estatal do ano para os dous traballos que presentaron este ano: 'Os corenta e oito nomes do inimigo' e 'Cada can que lamba o seu carallo'. 

malandromeda
photo_camera Malandrómeda

Sermos Galiza xa destacara entre o mellor do ano cultural o regreso dos Malandrómeda con dous discos que chegaron o 26 de febreiro da man do selo Matapadre. E agora vén de confirmalo a revista Rockdelux, que elixe ambos os dous traballos como os mellores do ano. O cal ten mérito dobre por ser dous e triple por tratarse de hiphop, iso si, mesturado con funk, cumbia e o que faga falta. E cuádruplo, porque isto só lle acontecera antes a un álbum en galego en 1990 co 'Jei' d'Os Resentidos. E, como bonus track, sitúan a canción "VHS do futuro" como a quinta mellor do ano. 

Esquivos coa prensa -é mesmo complexo atopar imaxes deles- Hevi e O Master do Son levaban traballando tres anos nestas gravacións. Segundo o crítico de Rockdelux, están entre "o máis estimulante do hiphop actual" e son xa "dous clásicos instantáneos que funcionan en perfecta simbiose de contrarios". E remata: "a súa redimensión sideral do autóctono fainos aínda máis universais. O nunca visto: dous fitos nun. Máis dun cuarto de século despois, eles son a resposta ao "manda carallo, quen carallo manda aquí" que berraban Os Resentidos". 

É a segunda vez que Rockdelux elixe un álbum en galego como o mellor do ano. O anterior foi o 'Jei' d'Os Resentidos en 1990

Rockdelux é a revista de referencia da música independente no Estado. Con sede en Barcelona, as súas listaxes soen acoller tamén música cantada nas linguas periféricas, feito que non acontece noutras publicacións especializadas. 

TAB, os outros triunfadores do ano

O cuarteto de Abanqueiro (Boiro), moi consolidado no mercado estatal e con destacada presenza  en países como México, tamén veu como o seu cuarto disco 'Salve discordia' vén de ser elixido pola revista Mondosonoro como o mellor álbum do ano, ademais de obter o sétimo posto na listaxe de Rockdelux. O crítico da revista madrileña define aos Triángulo de Amor Bizarro como"un bulldozer cargado de explosivos e fóra de control. Poucos investimentos tan seguros no actual mercado do rock".
 
Mondosonoro tamén elabora listaxes por xénero, onde tamén podemos atopar o primeiro disco de Os amigos dos músicos, homónimo, no quinto posto da modalidade Americana/Folk.