Unha escolma do papel

O dorso da Materia de Bretaña

Begoña Caamaño.
photo_camera Begoña Caamaño.

As persoas que vimos, cos ollos marabillados da infancia, o filme Excalibur de John Boorman gardaremos para sempre a imaxe de Morgana como a da insidiosa encarnación do mal, unha meiga capaz de seducir con malas artes ao seu propio irmán para preñar do guerreiro chamado polo destino para poñer fin a unha época gloriosa. Porén, o filme non é máis que a culminación, nunha nova linguaxe, de vellas tradicións. A personalidade mítica de Morgan le Fay pasou á historia como unha antagonista, oposta, pola lascivia e o interese político, ás figuras cristiás que representaban os cabaleiros do Graal. Alcumada moitas veces de bruxa, a súa figura case nunca foi matizada, nin moito menos se afondou xamais nas razóns do seu comportamento.

A proposta da última novela de Begoña Caamaño pasa por dar voz a un personaxe secundario e demo- nizado, humanizar os vellos mitos e conseguir o único obxectivo que xustifica achegarse a eles nos nosos tempos: amosar as súas caras ocultas e a forma na que poden se- guir sendo actuais e útiles no noso contexto histórico.

Na longa tradición que na literatura galega tivo a chamada Materia de Bretaña, a autora vai escoller o Merlín e familia de Cunqueiro para aproveitar o seu escenario (o bosque de Esmelle, na terra de Miranda) e tamén un dos narradores da historia: o propio Felipe de Amancia, marabillosamente imitado nos seus xiros expresivos, así como no demorado barroquismo co que conta as aventuras do seu amo Merlín. Este recurso permite á autora estabelecer un diálogo en dous niveis co acervo cultural no que está inserida, conseguindo a difícil tarefa de non traizoar, nin a voz do vello Cunqueiro, nin os mitos artúricos, pero sen deixar que ningún deles consiga usurpar o seu propio discurso ao longo da novela.

Screen Shot 2017-04-28 at 13.30.36Así, xunto a particular mirada de Felipe de Amancia, intercalaranse dous narradores máis: o propio Merlín, tamén en primeira persoa, e a fonte omnisciente que aparece referenciada como “as crónicas de Ávalon”. Ao final da obra, sumarase a eles a voz de Morgana, dando unha última e directa perspectiva do narrado, que se cadra poida parecer un pouco máis forzada e menos coherente co relato que as anteriores.

O argumento atinxe á trama política e familiar que rolda por detrás dos feitos estabelecidos polas lendas e que se reflicte, moi particularmente, na tensa confrontación entre Viviana, tía de Morgana, e Merlín. A primeira representa unha facción dos druídas de Ávalon caracterizada polo posicionamento de resistencia aos invasores e favorábel á partilla dos coñecementos científicos da caste sacerdotal co pobo. Merlín, pola súa banda, e dunha forma relativamente innovadora, aparece como unha figura na sombra que pretende favorecer, polo ben de Britania, a expansión do misticismo escurantista, desta volta encarnado pola chegada do cristianismo. A vida de Morgana pivotará entre este debate e a tensión do triángulo amoroso que forma con Artur e Xenebra, particularmente en relación con esta última, á quen atopa na casa de Merlín en Esmelle. Dunha forma que foxe de identificacións esencialistas de xénero, o conflito non deixa de ser o que enfronta a razón coa paixón, e tamén o da chegada dun tempo novo que pretende varrer co vello.

Habitualmente tense dito que Cunqueiro humanizaba os mitos servíndose das funcións corporais, mesmo das escatolóxicas. A humanización que propugna a obra de Begoña Caamaño, porén, pasa antes pola emotividade. Personaxes que temos interiorizados relacionándose de forma reverencial e ríxida, preséntansenos como capaces de tenrura e amor entre eles. Da mesma forma, fronte aos poderes sobrenaturais que os configuran tradicionalmente, vemos nesta obra, dun xeito moitas veces conmovedor, os seus conflitos internos, as dúbidas, os remorsos e as saudades que os acompañan máis aló que a silueta de cartón á que os reducen algunhas representacións contemporáneas.

A Morgana que chega a Esmelle axusta contas co seu propio mito e pono a altura dos nosos tempos. A aposta de Begoña Caamaño non deixa de lembrarnos o ronsel doutras autoras como Jean Rhys, apostando pola visibilidade das historias secundarias dos grandes relatos literarios, e as súas, frecuentemente maltratadas, protagonistas.

Esta crítica literaria de "Morgana en Esmelle", de Begoña Caamaño (1964-2014), viu a luz no número 5 de Sermos Galiza, publicado o 6 de xullo de 2012.

Comentarios