Dorothé Schubarth: "O pulso do canto galego é como un péndulo"

Entrevistamos Dorothé Schubarth (Basilea, 1944), co gallo da recollida do Premio Mestra da Memoria, outorgado pola AELG en Lugo.  Musicóloga, compositora, editora e estudosa do Cacioneiro Popular Galego, publicado ao carón de Antón Santamarina. Unha obra imprescindíbel da lírica de tradición oral, que conta tamén con gravacións únicas agora auspiciadas polo Arquivo Sonoro de Galiza. Eis un estrato da peza publicada no número 370 do semanario en papel Sermos Galiza.

 

Na imaxe, Dorothé Schubarth, en Compostela. Foto: Irene Pin.
photo_camera Dorothé Schubarth, en Compostela. Foto: Irene Pin.

A musicóloga e compositora Dorothé Schubarth (Basilea, 1944) chegou a Galiza desde Suíza a finais dos anos setenta, nunha viaxe vacacional que se converteu nunha longa estadía de traballo. Arqueóloga do efémero, buscou retratar a raíz da nosa música, da que deixou constancia no Cacioneiro Popular Galego, publicado en sete volumes coa axuda de Antón Santamarina. Esta obra constitúe a biblia da lírica de tradición oral, resultado dun intenso traballo de recollida, clasificación e estudo do material que Schubarth, contra o exercicio de pura recompilación dos musicólogos da época, levou a cabo en profundidade das melodías, achegando unha proposta crítica de clasificación e propondo teorías sobre as orixes dos diferentes tipos. Finalizado o traballo, cedeu as súas gravacións ao Arquivo Sonoro de Galiza. Entrevistámola após a recollida do Premio Mestra da Memoria outorgado pola AELG en Lugo, coincidindo coa XII Xornada de Literatura de Tradición Oral.  

De onde lle vén o interese pola música tradicional?

De onde? Iso non o sei. Crieime con moita tradición, era o que había antes, moita consciencia da tradición. 

E como veu dar a Galiza?

Sempre me preguntan iso. Podes ir a todos os sitios, o feito importante é quedar. Cheguei a Galiza de vacacións, pero fiquei porque me resultou moi interesante, máis que outras rexións. Por iso estou aquí. Ademais, atopei o apoio e a axuda de xente como Antón Santamarina, iso fai moito.

Desde a cátedra de harmonía e contrapunto da Academia de Música de Lucerna, desenvolveu pescudas sobre a música dos Balcáns e do Cáucaso. Presentan semellanzas coa galega?

Nesas rexións do bordo aparecen melodías moi sinxelas, digamos que primitivas, nun sentido de respecto pola palabra. Isto é bastante común nestes lugares, mentres en sitios do centro, onde hai máis evolución, mesmo unha tradición distinta como acontece coa música dos Alpes, non se atopan tan facilmente trazos unitarios. O que pasa é que moitas veces cadaquén quere ver o individual, o del, e esquecemos que estamos conectados dende antano. 

mini-culturaEntrevista

A ordenación do Cancioneiro é fundamentalmente temática, mais ten sinalado que se volvese comezar non o faría do mesmo xeito. Que mudaría?

Iso sempre acontece, cando rematas un traballo desta envergadura pensas que poderías empezar de novo doutro xeito que che parece mellor. No caso do Cancioneiro, hai un problema de clasificación que xorde cando un canto pode estar en dúas categorías diferentes. Por exemplo, un canto de seitura pode ser un romance e un canto de labor. Que se pode facer con iso? Non teño solución para o problema. Loxicamente, unha vez rematado o traballo tes máis vista sobre o conxunto. Neste sentido, encaixa o que se fixo no sétimo volume, que practicamente constitúe un índice de melodías. Isto quere dicir que, como nun alfabeto, buscas un sistema para xuntar as melodías que son familiares, o que implica unha procura bastante intensa e metódica. Xa se fixo en cada volume e ao final elaborouse un que inclúe todas as melodías, pois vexo que para os que traballan na música é práctico. Se se entende o sistema, permite chegar a unha melodía e ver onde aparece, en distintas formas: como un canto de traballo, como unha copla, como un baile... pero é sempre a mesma. En realidade, é un pouco máis que un índice, mesmo dá algunha información a maiores, porén, debido á gran cantidade de datos que aparecen, igual esta dimensión non se percibe. O obxectivo era ser o máis fiel posíbel ao orixinal na transcrición musical da cantiga, mais tamén lingüísticamente, atendendo ás variantes dialectais.

Cadaquén quere ver o individual e esquecemos que estamos conectados desde antano

Foi isto dificultoso sen dominar totalmente a lingua galega?

A transcrición faise ao pé da letra, tal como o dixeron as informantes. O sabio está alí [referíndose a Antón Santamarina], e tamén é unha posibilidade de ver as diferentes formas de falar.

Que método empregou para a catalogación?

As coplas puxéronse cada unha nunha ficha e as melodías tamén. Despois coloqueinas e no caso da música fixen dous sistemas e decidinme por un, pero copiei cada texto e experimentei con el. O primeiro de todo foi ver o número de versos, sen contar as repeticións, que non se teñen en consideración na música, por exemplo, cando o primeiro está repetido e logo veñen dous novos, ou ao revés. A este respecto hai moitas variantes. Para catalogar úsase en primeiro lugar o sistema básico, sen as variacións. Despois hai que prestar atención á melodía: se son poucas notas, se vai máis arriba, máis abaixo… Iso é outro parámetro. En resumo, dito isto, abárcase todo. 

“Existe, con todo, a idea de que a xente canta mal porque non se adapta ao clásico
 

Estamos vivindo un proceso de recuperación, especialmente acentuado nos últimos anos, da música tradicional non só como folclore, senón como organismo vivo. Que papel pode xogar o Cancioneiro?

É difícil. Tampouco me preocupei moito do asunto, só observei que a dinámica do cancioneiro vai por aí. O problema durante moito tempo, aínda que agora vai diminuíndo, é que a xente só o mira de fóra, porque non sabe ler a música. O 90% lese ben, só algunhas pezas son complicadas, para min tamén. Mais cando a xente sabe un pouco de solfexo, xa de entrada fica estrañada porque non hai raias de separación de compás.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 370 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]   

Comentarios