Donostia acolle a creación da primeira escola soberanista

Democracia XXI: pobos soberanos fronte ao autoritarismo é o título baixo o que desde onte se desenvolve en Zuatzu, Donostia, a primeira edición da escola soberanista. Esta iniciativa, organizada por fundacións das nacións sen Estado, quere ser un lugar de encontro,  posta en común e debate sobre os obxectivos e retos que os pobos han de enfrontar para alcanzar a liberdade nacional e a xustiza social. 
foto principal
photo_camera Unha das mesas de debate, en Donostia (Nós Diario)

áis de 130 persoas danse cita esta fin de semana en Donostia para participar na primeira escola soberanista. O encontro conta cunha ampla actividade formativa e tamén pretende fomentar o intercambio de experiencias sobre os obxectivos e retos comúns dos movementos emancipadores nas nacións sen Estado. O contraste crítico de análises, discursos, estratexias, propostas e modelos de acción práctica son a esencia do evento.

A escola está impulsada polo Foro de fundacións da esquerda soberanista que compoñen as fundacións galegas Moncho Reboiras, Galiza Sempre, Terra e Tempo e o Observatorio de Láncara; as vascas Akartasuna Fundacional, Alternatiba, Iratzar Fundazioa, Ipar Hegoa e Fundacion Betiko. Están tamén no Foro as entidades catalás Centro Internacional Escarré per a les Minories Ètniques i les Nacions (Ciemen), a Fundació Irla, Poble Liure e a Intersindical-CSC; e de Mallorca a Fundación Darder Mascaró. Ademais figuran as valencianas Nexe e Intersindical, así como Canarias Si se Puede, Canarias en movimiento e o sindicato andaluz SAT.

Os retos do soberanismo

Para Floren Aoiz, director de Iratzar, o reto que ten o foro é desenvolver de maneira colectiva “a proposta soberanista transformadora para estes tempos de incerteza”, sinala en declaracións a Nós Diario. “A idea é compartir visións, falar dos puntos que partillamos, sabendo que somos persoas de pobos diferentes”, engade. Aoiz sinala catro grandes preguntas para as que os debates tratarán de dar resposta. A primeira é saber que está pasando agora mesmo en Eukal Herria. A segunda pasa por estudar o que acontece no mundo co auxe do totalitarismo e ver que alternativas se están a construír para salvar a democracia. A terceira cuestión versa sobre "o que ocorre no reino de España e, por último, está a máis difícil”, di Floren: debullar os grandes retos que o soberanismo ten que afrontar e ver cales son as forzas e os recursos que ten para superalos.  

Apoio entre os pobos

Rubén Cela, presidente da Fundación Galiza Sempre, salienta a Nós Diario esta escola como unhas das iniciativas que ten o foro como ámbito de debate, posta en común e procura de unidade de acción entre as fundacións das forzas soberanistas. 

Cela coincide con Aoiz ao sinalar que cada nación ten os seus ritmos e as súas peculiaridades, “mais respectando iso, precisamos saber entender que todas temos o inimigo común no modelo nacional deste Estado español”, sostén Cela. O nacionalista galego resalta desta escola o feito de dar continuidade ao que supuxo Agora Repúblicas, a candidatura coa que BNG, ERC e Bildu concorreron aos comicios europeos, xa que Cela a sinala como “moito máis que unha simple lista”, do mesmo xeito que menciona a declaración de Llotja de Mar en prol da autodeterminación e outros encontros que afondan nun apoio mutuo entre os pobos. 

Cela tamén subliña que o obxectivo da escola non é só a formación, senón tamén crear lazos de fraternidade entre os distintos movementos e fundacións para fortalecer a comunicación e o apoio mutuo entre os movementos nacionais. A maiores, cita como característica máis importante que o encontro naza “con vontade de continuidade e de ser rotativo”, polo que confía en que proximamente se realice na Galiza. 

Comentarios