Un documentario sobre a "catástrofe de 1960" nas minas de San Finx, novo traballo de Irene Pin

Estrearase esta quinta feira na Casa da Cultura de Noia. Reconstrúe a historia da "catástrofe de 1960" a través da memoria e voces da veciñanza de Lousame.

irene pin

San Finx 1960 é o novo documentario de Irene Pin, un traballo a sumar a obras anteriores como Morrer de vagar (2017), filmado en campos de refuxiadas en Grecia, ou Ai, Pardiñas, dásme a vida. A nova obra estrearase esa quinta feira na Casa da Cultura de Noia. Está producido para o Centro de Saberes para a Sustentabilidade, institución recoñecida oficialmente pola Universidade das Nacións Unidas, coa colaboración de Nós Televisión. Un trailer do documentario pode verse aquí.

O documentario reconstrúe a historia da "catástrofe de 1960" a través da memoria e voces da veciñanza de Lousame que narran como a maior das presas de decantación de lodos das minas de San Finx tivo unha falla crítica que provocou unha avalancha de residuos mineiros que arrasou co curso fluvial até a mesma ría de Noia deixando a súa pegada durante décadas.

É un pioneiro traballo de investigación audiovisual que se adentra no inexplorado campo da memoria histórica ambiental, poñendo no foco a ocultación durante décadas das consecuencias e implicacións ambientais de industrias como a mineira.

Comentarios