Imprimir

Un documental para poñer o traballo das mulleres rurais no centro

Redacción | 02 de agosto de 2020

Actividades desenvolvidas en Muxía.
Actividades desenvolvidas en Muxía.
"O rural de todas" é un proxecto audiovisual interxeracional e colaborativo impulsado pola área de Igualdade da Deputación da Coruña no que participan, ademais das mulleres protagonistas, grupos de nenas, nenos e adolescentes, para dar visibilidade ao traballo das mulleres.

Os concellos de Toques, Aranga, Teo, Muxía e Ortigueira participan nesta proposta, que nace co obxectivo de contribuír a unha maior visibilidade do traballo feminino no rural a través dun documental cos testemuños de varias mulleres de distintos perfís.

As acción accións xa comezaron en Aranga e Muxía, e continúan esta semana, os días 3 e o 6, en Ortigueira e Teo, respectivamente.

Segundo informan desde a Deputación, as accións seguen un enfoque participativo e baseado na reflexión e o debate, desde o que a rapazada e as protagosnitas traballan arredor de dous conceptos principais: igualdade e identidade rural. A través de dinámicas que fomenten a implicación van abrollando achegas e experiencias das que sairá o guión do documental "O rural de todas", así como propostas de contidos e de localizacións para as gravacións.

"Se as mulleres foron silenciadas na historia, en determinados ámbitos aínda foron dobremente invisibilizadas. No rural acontece e, desta maneira, descoñécese o traballo que desenvolven e o papel que cumpren en distintos ámbitos, no traballo produtivo mais tamén na transmisión da cultura ou nos afectos... este proxecto ten como obxectivo visibilizalas e darlle o protagonismo que merecen", sinala a deputada de Igualdade, María Muíño.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/documental-poner-traballo-das-mulleres-rurais-centro/20200802183526102519.html


© 2021 Nós Diario