Inaugúrase hoxe ás 19 horas cunha conferencia histórica

Doce artistas veteranos na mostra 'Facer Camiños' na Casa das Campás

A Real Academia Galega de Belas Artes inaugura, ás 19 horas da cuarta feira, na Casa das Campás de Pontevedra, a exposición Facer Camiño, con obras de 12 artistas galegos e galegas inspiradas nas rutas de peregrinación. 
quintanamartelo
photo_camera O pintor Manuel Quintana Martelo. (Foto: Nós Diario)

A mostra Facer Camiño, da Real Academia de Belas Artes, está comisariada pola académica da sección de Expertos nas Artes, Asunta Rodríguez, que seleccionou 23 pezas orixinais de pintura, escultura e fotografía que se poderán ver até o 1 de decembro

Facer Camiño é unha mostra que pretende asociar a arte co Camiño de Santiago e que vai percorrer as sete principais cidades e mais as vilas de Cee, Tui e Mondoñedo, tres concellos vencellados co territorio histórico das rutas xacobeas. 

A exposición acolle obras de artistas plásticos tan recoñecidos como Manuel Buciños, Acisclo Manzano, Rafael Úbeda, Manolo Paz, Manuel Quintana Martelo, Din Matamoro, Menchu Lamas, Ignacio Basallo, Xurxo Lobato, Miguel Anxo Prado, Soledad Penalta e Xosé Díaz.

Artistas visuais, explica a organización, que “abren os seus mundos e reflexionan desde o proceso creativo cal é o seu  modo de facer camiño”. 

Como complemento á mostra plástica, realizarase a conferencia Pontevedra: un fito nos camiños de peregrinación a Santiago, ás 19.30 horas, impartida polo académico de Arqueoloxía e Museoloxía, Xosé Carlos Valle.

A temática do relatorio versará arredor do nacemento da cidade de Pontevedra e do seu topónimo, asentamento que xa existía en época romana e que perdeu protagonismo no Alto Medievo, para recuperalo durante a época do rei Fernando II e mais da raíña Urraca.

A conferencia estará presentada polo xornalista Rafael López Torre e, seguindo as recomendacións das autoridades sanitarias, en canto á prevención da  Covid-19, a capacidade do acto estará limitada a 12 persoas.

Comentarios