O Parlamento retomará a actividade dous días despois das eleccións

O 12 de novembro retomarase a actividade parlamentar, cun pleno no que a conselleira de Política Social dará conta do acordo asinado coa Fundación Amancio Ortega para a construción de residencias de maiores nas cidades galegas.
Parlamento_de_Galicia
photo_camera Parlamento de Galiza

O Parlamento da Galiza retomará a súa actividade habitual cun pleno a vindeira terza feira, 12 de novembro, tras a campaña electoral e a cita coas urnas. A primeira comparecencia será a da conselleira de Política Social, Fabiola García. Coa súa intervención, produto dun acordo entre os grupos políticos e a petición propia, o Goberno galego informará sobre os problemas propios da área de Política Social e “como se intentan resolver”.

A conselleira tamén dará conta do acordo que asinou a Xunta coa Fundación Amancio Ortega, no que a entidade asume o custo de construción de residencias de maiores nas sete cidades galegas. O acordo, asinado en setembro e cuxo monto ascende aos 90 millóns de euros, foi branco das críticas da oposición, que acusaron ao Goberno galego de acudir á “caridade” e de perpetuar un “modelo privatizador”.

Durante a Xunta de Portavoces no Parlamento do 5 de novembro, o voceiro do PPdeG Pedro Puy afirmou que a colaboración obedece a un “ambicioso plan do PP”. “Xa estaba previsto no programa electoral e a novidade é, precisamente, a actuación filantrópica da Fundación Amancio Ortega”, destacou. Fronte as verbas de Puy o voceiro do Grupo Mixto, Luís Villares, asegurou que a conselleira comparecerá “presionada e forzada pola petición unánime da oposición de dar conta da situación das residencias da terceira idade”. 

Propostas dos grupos
Durante o pleno os grupos políticos presentarán  diferentes propostas. Entre elas, a modificación da Lei de Goberno presentada polo Grupo Mixto. O PSdeG demandará unha transición enerxética e un plan de descarbonización. Pola súa banda, o Grupo Común de Esquerda preguntará ao Goberno polas súas políticas no rural e o BNG proporá dotar a comarca do Deza cunha nova ambulancia. 

Comentarios