Do Día da Raza ao da Resistencia Indíxena

Desde hai décadas e máis especialmente coa entrada no século XXI, o 12 de outubro é un día de reivindicacións na maioría de América, en lembranza da loita e do sufrimento padecido polos pobos orixinarios durante a conquista europea, nomeadamente a española. Algunhas das consecuencias da colonización arrástranse até hoxe.
garda_indixena_cauca_colombia
photo_camera Membros da Garda Indíxena de Cauca, unha das rexións máis violentas de Colombia, organizados para defenderen o seu territorio (FLD Américas)

A colonización española de América foi o proceso polo que se estabeleceu no Novo Mundo unha Administración de ultramar a imaxe e semellanza da peninsular contemporánea. Este período estendeuse desde o 12 de outubro de 1492, día do chamado "descubrimento de América", até o 13 de agosto de 1898, cando a bandeira española foi arriada en San Juan de Porto Rico.

Un proceso de catro séculos que deu pé a numerosas e fondas mudanzas a nivel social, cultural, relixioso e económico en todo o continente. Até moi recentemente, aquela conquista era loada como unha empresa épica ─o bardo Eduardo Pondal, na liña dos seus tempos, cantou o descubrimento de América na epopea Os Eoas, onde enaltecía a chegada da fe cristiá ao novo continente e xa apuntaba á galeguidade de Cristóbal Colón─. 

Mais pasado o ecuador do século XX, cos procesos descolonizadores, outra realidade até entón silenciada foise abrindo paso: o sometemento e a culturización dos pobos orixinarios de todo o continente por parte das potencias europeas. O que numerosos estudos sobre a materia van máis alá e cualifican de xenocidio.

Sometemento

Entre as principais consecuencias da conquista están a desaparición dos sistemas políticos e organizativos dos pobos orixinarios. Tamén de numerosas linguas autóctonas e a case extinción doutras, que foron substituídas polas hexemónicas europeas ─principalmente, o español, o inglés e o portugués─. 

Destruíronse ademais textos, monumentos, templos, camiños, cidades completas, e consolidouse o eurocentrismo que desprezaba e estigmatizaba a cultura propia ancestral.

No caso concreto da colonización española, os habitantes orixinarios estaban subordinados aos conquistadores ─noutras experiencias coloniais, non tiñan mesmo a consideración de seres humanos─. Ademais, os europeos mantiveron a escravitude que xa practicaba algúns pobos aborixes. Millóns de persoas foron secuestradas en África e levadas a América.

Tamén do outro lado do Atlántico trouxéronse enfermidades infecciosas, que provocaron elevadas minguas entre as poboacións orixinarias, carentes de defensas para esas novas doenzas.

Máis de cinco séculos despois daquel 12 de outubro de 1492, os efectos máis perniciosos da conquista e colonización posterior aínda perduran na sociedade americana. O racismo esténdese por todo o continente, desde o Norte até o Sur, e as diferenzas socieconómicas seguen a estar marcadas en boa parte pola orixe da cidadanía: europea ou orixinaria, aínda que o proceso de mestizaxe foi máis común na colonización ibérica que na inglesa.

Outro 12 de outubro

O 12 de outubro recibe o nome de Día da Hispanidade ou Día do Descubrimento e é festivo en numerosos países de América. Tamén é coñecido como Día da Raza, denominación que se mantén en varios Estados desde que se comezou a popularizar a comezos do século XX. 

O termo foi mudado noutros, xa entrados no actual século XXI. Por exemplo, en Nicaragua coñécese como Día da Resistencia Indíxena, Negra e Popular, para conmemorar a loita dos pobos orixinarios e a súa herdanza cultural. En Bolivia actualmente denomínase Día da Descolonización, tras chamarse Día da Liberación, da Identidade e da Interculturalidade.

Un dos primeiros países en eliminar a denominación de Día da Raza foi Venezuela. Fíxoo o 12 de outubro de 2002, cando o entón presidente, Hugo Chávez, a petición de organizacións de pobos orixinarios, decretouno como o Día da Resistencia Indíxena.

Outros casos diferentes son o de Chile, onde se denomina Día do Encontro de Dous Mundos, e Cuba, onde non se celebra o 12 de outubro e si o 10, día en que comezou a guerra de independencia contra España, en 1868.

Suicidio

Aínda que non hai consenso entre os historiadores, calcúlase que a desaparición de poboación orixinaria foi masiva no primeiro século desde a chegada de Cristóbal Colón. E cinco séculos despois os efectos coloniais continúan a se manifestar. Asasinatos e violacións son frecuentes, mais tamén outro tipo de sucesos.

Nos últimos 16 anos rexistráronse 782 casos de suicidios indíxenas no Brasil, coa expulsión das súas terras como factor máis relevante, apunta o Conselho Indigenista Missionário.

E en Colombia, segundo un informe do Instituto Nacional de Medicina Legal, foron contabilizados 61 casos de suicidio de xaneiro de 2010 a xuño de 2014, a maioría crianzas e mocidade de entre 10 e 24 anos. Un fenómeno que tamén está a medrar no Perú, Chile, Bolivia ou o Ecuador.

Comentarios