Guerra prefire a ditadura de Pinochet ao goberno de Maduro

Para Guerra, os gobernos de Pinochet (1973-1990) en Chile e Maduro en Venezuela son ditaduras horríbeis, dixo, mais a que acabou pola forza das armas co goberno do socialista Allende tería tido unha eficacia no terreno económico da que carecería o executivo bolivariano. Con este discurso Alfonso Guerra, en tempos líder da suposta ala esquerda do PSOE, coloca o listón da ocorrencia reaccionaria moi alto até para Vox.

Alfonso Guerra
photo_camera Alfonso Guerra, nun momento da entrevista

"Entre a ditadura de Pinochet, horríbel, e a ditadura de Maduro, horríbel, hai unha dfierenza: que nun sitio a economía non caeu e noutro si ten caído. Non querer ver esa diferenza é pór unha venda porque son amigos dun ou amigos doutro", dixo esta segunda feira o ex vicesecretario xeral e ex vicepresidente do goberno español, Alfonso Guerra, nunha entrevista na SER.

"Venezuela está a sofrer unha ditadura, alén de todo incompetente, porque todo o mundo sabe que as ditaduras liquidan a liberdade dos pboos, mais, no mínimo, teñen eficacia no terreno económico", dixo.

A ditadura de Pinochet, unha das máis sanguinarias na historia recente de América Latina, asasinou máis de 3.000 persoas para estabelecer un goberno neoliberal que seguiu fielmente os ditados da chamada Escola de Chicago, coa posta en marcha de medidas privatizadoras que deterioraron severamente e as condicións de vida das clases populares.

En liña directa cos postulados de Trump e do golpista Guaidó, Guerra fai votos por que os militares acaben retirando o seu apoio a Maduro. "No momento en que os militares se quiten de en medio da barra de Maduro, iso cae, seguro", dixo.

Comentarios