Dispárase a sinistralidade laboral coa volta ao traballo despois do confinamento

No Estado hai 3,24 sinistros mortais por cada 100.000 traballadoras. Na Galiza hai 6,05. Galiza está á cabeza  en índice de incidencia en sinistros laborais mortais. Unha situación que os sindicatos afirman que vén de lonxe polo que piden unha convocatoria do Consello Galego de Seguridade e Saúde no Traballo materia: Instituto Galego de Seguridade e Saúde (ISSGA), Inspección de Traballo, Xunta da Galiza e axentes sociais.
Accidente laboral
photo_camera Accidente laboral

Galiza segue a liderar o índice de sinistralidade e mortalidade do Estado. Nos últimos días as cifras aumentaron de maneira alarmante no sector da industria cun mínimo de 6 traballadoras e traballadores mortos en accidentes laborais no que vai de mes. Esta situación, que os sindicatos cualifican como insoportábel, levou a CIG, CCOO e UXT a pedir a convocatoria do Consello Galego de Seguridade e Saúde no Traballo.

Entre as causas deste elevada sinistralidade desde a CIG apuntan a un crecemento de persoal procedente das empresas de traballo temporal (ETT) e o aumento de servizos externalizados "como as empresas multiservizos, falsas autónomas ou Centros Especiais de Emprego que se caracterizan por salarios de miseria, xornadas desreguladas, horas extras non retribuídas e falta total de dereitos laborais".

O sector da automoción é un dos que máis aumentou a sinistralidade nos últimos anos.  Fernando Sabio, responsábel de CIG Saúde Laboral, asegura a Nós Diario que un dos factores principais de que isto aconteza é "o aumento do ritmo de traballo que se implantou e que chega a ser o dobre que hai 20 anos". Segundo este sindicalista "hai unha auténtica pandemia de acumulación de lesións musculares" que "a industria, coa conivencia absoluta do Goberno e da dirección do Sergas, oculta continuamente".

Desde a central nacionalista constataron que na automoción "hai persoal novo que ingresa en cadeas de montaxe e en sete anos teñen lesións cronificadas invalidantes, polo que quedan sen traballo por causas obxectivas, lesionados e sen poder traballar". 

Falta de investigación das causas

As críticas contra esta situación son contundentes. Sabio afirma que "hai unha conivencia mafiosa coas mutuas por parte do Goberno galego e crese que as traballadoras e traballadores accidéntanse para non ir a traballar". Unha das consecuencias desta situación, segundo o sindicalista, é que "moitas persoas, a pesar de ter lesións ou recuperacións que non son completas, teñen que seguir traballando ou regresar ao traballo". O aumento de accidentes parte, para Sabio, "de que non se investigan ou non se declaran como accidentes profesionais" polo que "as súas causas non se subsanan e reprodúcense máis adiante".

Novas medidas pola COVID-19

A introdución de novas medidas de prevención como consecuencia da pandemia tamén está a ser fonte de conflito en moitos sectores e o da industria é un deles. Roi Fernández, secretario  de Saúde Laboral  de CCOO, asegura que se terían que "revisar os protocolos por non ter en conta que en segundo que postos de traballo poderían ser perigosos" Para este sindicalista esta medida podería explicar se teñen ou non relación co aumento dos accidentes.

Fernando Sabio asegura que a incorporación do protocolo fíxose "con moita urxencia e con moita histeria, nalgúns casos sen unha avaliación axeitada". Pon como exemplo o de persoal que leve lentes e conduza maquinaria por lugares fechados. "Poden ter bafos nos cristais e perder parte da visión, polo que sería prexudicial".

Comentarios