A disolución de empresas na Galiza duplica o ritmo de creación

22% fronte a 12,6%

Polígono da Granxa no Porriño (Pontevedra)
photo_camera Polígono da Granxa no Porriño

A creación de empresas creceu 12,6% en agosto na Galiza en relación co mesmo período do ano anterior, por riba da media, até situar o total en 250, segundo os datos que publica esta quinta feira o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Porén, tamén subiron, case o duplo, un 21,8%, as disolucións de sociedades mercantís nese mesmo período, até 67, delas 50 voluntarias, catro por fusión e 13 doutro tipo.

As 250 empresas constituídas significaron a subscrición e o desembolso de case 59,93 millóns de euros. Foron dúas sociedades anónimas (por 360.000 euros) e 248 sociedades limitadas (por 59,57 millóns).

Ampliaron capital 80 empresas, por uns 33,45 millóns (tres sociedades anónimas por 251.000 euros e 77 sociedades limitadas por 33,24 millóns). Mentres, 18 compañías reducírono, por 9,23 millóns. Unicamente unha sociedade mercantil desembolsou dividendos pasivos, por 45.000 euros.

No conxunto estatal, o número de novas sociedades mercantís aumentou un 7,1% en agosto respecto ao mesmo mes de 2019, até totalizar 5.747 novas empresas.

Traslados

Un total de 216 empresas galegas trasladaron a súa sede social a outros territorios do Estado español durante o ano 2019. Un estudo publicado pola asesora Informa D&B confirma o mal momento empresarial polo que pasaba Galiza antes da chegada da Covid-19.

Segundo o estudo desta asesora 188 empresas decidiron mudar a súa sede a Galiza, un saldo negativo de 28 en relación ás que saíron.    En relación ao destino das empresas que deciden abandonar o noso país o informe sinala que 65% foi a Madrid. A perda total de facturación acadaría os 208,7 millóns de euros.

Comentarios